A reforma da estrada OU-212 inclúe a humanización das travesias urbanas de Beariz e Liñares e a mellora dun tramo de 6 quilómetros, A Xunta destinará a estas obras 3,8 millóns de euros.

30, Abril 2024

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace á aprobación provisional do proxecto de mellora da estrada autonómica OU-212, no seu percorrido polo treito interurbano do concello de Beariz, e na travesía de Liñares, no municipio de Avión.

Esta actuación conta cun investimento do Goberno galego estimado en máis de 1,3 M€ e correspóndese coa 1ª fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6
quilómetros desta vía autonómica, entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo de Couso, no quilómetro 12+620. No seu conxunto, a actuación suporá un investimento total de 3,85 M€.

Nesta 1ª fase de acondicionamento, as obras de mellora da estrada no treito interurbano de Beariz consistirán na rectificación da curva do quilómetro 7+350,
aumentando o raio de 30 a 50 metros, e na mellora do firme e ampliación da plataforma ata os 7 metros entre a capitalidade do concello e a curva do quilómetro
7+350. Neste tramo, actualmente a OU-212 é unha estrada convencional sen beiravía, con dous carrís por sentido de 3 metros de anchura cada un, nun contorno interurbano.

A actuación no treito da vía ao paso polo municipio de Avión céntrase na travesía de Liñares, que vai do quilómetro 8+760 ao 9+610, e será humanizada. Neste treito manterase, en xeral, a distribución da sección actual, pero buscando como obxectivo básico a integración da vía no contorno urbano de Liñares, recuperando a súa identidade urbana e priorizando a figura do peón.

En toda a lonxitude da travesía construiranse beirarrúas e bandas de aparcamento a un mesmo nivel, cun cambio no acabado do pavimento e separación por bordo de 10 centímetros de anchura. Este deseño facilita que toda esta superficie poida ser utilizada polos peóns, tamén as bandas de aparcadoiro cando estas non estean
ocupadas por vehículos.

Ademais, o bordo que separará estas zonas da beirarrúa e o aparcadoiro da calzada elévase unicamente 2 centímetros sobre a rodada, continuando así coa percepción dun espazo onde o peón cobra maior importancia.

En dúas zonas concretas, do quilómetro 8+925 ao 8+950 e do 9+200 ao 9+255, unifícase o pavimento de toda a sección, creando unha plataforma compartida con
prioridade peonil ante a escasa anchura das beirarrúas actuais.

A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da vía.

Tamén, froito das reunións mantidas cos responsables dos concellos durante a planificación e redacción do proxecto, se inclúe nesta intervención a renovación da
capa de rodada de dous tramos da OU-212, para dar homoxeneidade á actuación, entre os puntos quilométricos 10 e 11 e entre os quilómetros 15 e 15+500, dentro do termo municipal de Avión.

Agora, tras o acordo hoxe do Executivo autonómico, nas vindeiras semanas someterase ao trámite de información pública o proxecto, por un prazo dun mes.
Este é un trámite necesario para que os interesados poidan presentar suxestións, e tamén para os efectos expropiatorios, xa que coa intervención se afectan 20 predios particulares cunha superficie de 3.493 m2

A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é poder aprobar o proxecto no outono, para a finais de ano realizar a convocatoria de
levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo para a realización dos traballos é de 14 meses.

O Goberno galego continúa traballando para darlles continuidade ás sucesivas melloras levadas a cabo nos últimos anos nesta vía autonómica, que une a N-541 na
Ermida coa OU-504 en Beade, e que é o principal acceso ás capitalidades dos concellos de Avión, melloras en que a Xunta leva investido un total de 6,8 M€.