O noso amigo Carliños

Xa vos teño falado algunha vez de Carliños, e os que me teñades escoitado xa sabedes que non me refiro a Carlinhos Brow, persoa á que admiro, non xa como artista, senon pola gran laboura social que desenvolve nas favelas de Candeal.

            Este Carliños é un canciño, de raza indefinible, que ten por nome propio Charly, pero a min, como se me da por ser antianglosaxón, galeguízolle o nome. El non debe tomalo moi ben, Charly resultaralle máis acorde cos novos tempos educativos, e cando lle chamo Carliños, mantense teso, mira para outro lado e fai que non me escoita.

            Vive en “Casa Lucita”, unha hospedaxe fundada a principios do século pasado, case centenaria, para atender ás personas que viñan tomar as aguas a Berán.

            A peculiaridade de Carliños, como xa teño contado, é que coxea da pata dianteira esquerda e da traseira directa, consecuencia, presuntamente, de algún animal aprendiz de persona coa vulgar valentía de ir vestido de coche. O que non vos sabería decir é desde cando Carliños quedou sometido a ese andar zigzagueante, xa que non consta parte de accidentes, nen se levantou atestado, nen control de alcoholemia, nen todas esas cousas. Precisamente o non saber a data da súa invalidez, que el pasea coa dignidade dun condecorado veterano de guerra, é o que me planteas unha seria dúbida:

¿copiaría a súa coxeira diagonal de algúns políticos, ou serían estes os que viron un bó exemplo  na invalidez de Carliños? Resulta como o conto da galiña e o ovo ¿Qué foi antes?

            Somos conscentes de que tódolos políticos coxean de algo, uns máis e outros menos, pero este tipo de coxeira, a xeito de transtorno bipolar ou esquizofrenia, empeza a resultarme preocupante. Tamén sabiamos que moitos políticos levan o corazón na esquerda e a carteira na dereita e outros levan todo na dereita pero din que lles preocupa o corazón. Incluso o noso: que non fumemos, que si o colesterol…Non son capaces de entender, que ós que non temos carteira non nos importa fumar e comer touciño, e que só nos importa o corazón para que os Carliños auténticos non coxeen.