A outra xoia da coroa

Cando no Carballiño falamos da nosa gran xoia da coroa, seguramente nos referímos á Veracruz, o noso monumento máis emblemático. Non obstante, cando en 1943 se puxo a primeira pedra para edificar o Templo de Palacios, O Carballiño xa contaba con outra gran xoia da coroa, que durante décadas foi motivo de orgullo, aínda que hoxe en dia témolo bastante esquecido e mesmo diría que maltratado.

As orixes do Parque Municipal do Carballiño remóntanse ao ano 1928, daquéla, o concello apropiase do monte comunal de Mesego e nace asi ese gran patrimonio natural que durante anos, tempos que xa foron quedando atrás, encantou a tantas familias viguesas e ourensanas, sobre todo nas tardes de verán, atraídas pola beleza, comodidade e traquilidade deste bosque ao que aínda recentemente se incorporaban outras 4 héctareas trala adquisición das Barcias, na zona máis próxima ao río Arenteiro. Precisamente pola súa gran extensión, 32 hectáreas, trátase do parque urbano máis grande de Galicia, só comparable có vigués de Castrelos, que suma 24 hectáreas.

Non parece que nos últimos tempos sexamos conscientes do gran valor que tanto desde o punto de vista turístico como do seu patrimonio natural, representa o parque municipal carballiñés. Como acontece con outras tantas cousas, teñen que vir os de fora para recordárnolo. O certo é que fai tempo, moitos anos, que o parque é o gran esquecido para os nosos gobernantes, tan só o Ex-Concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García, intentou durante o seu mandato poñer en marcha algunhas propostas, aínda que algunhas de esas iniciativas -como a tala de piñeiros para sustituílos por especies autóctonas- non foi ben entendida por parte da  cidadanía.

O panorama que ofrece na actualidade o Parque é bastante desolador, con zonas extremadamente degradadas e outras moi erosionadas, en parte como consecuencia da agresión á que todos os anos se somete coa celebración de concentracións masivas. O Parque, esa outra xoia da coroa carballiñesa, necesita  con urxencia un plan de rexeneración medioambiental.

Opinion: