Roberto Vidal Bolaño e O Carballiño

Foi a principios da década dos oitenta cando vin actuar por primeira vez a Roberto Vidal Bolaño no Carballiño, e foi nunhas festas do setembro que incluiran no programa festivo daquel ano o espectáculo de rúa "Ruada das Papas e do Unto", da súa primeira compañía "Teatro do Antroido". Daquela mesma época recordo outra actuación súa no Carballiño coa "Bailadela da Morte Ditosa", tamén nunhas festas do setembro, que se representou na Praza dos Irmáns Prieto.

Como director, lémbrome da versión de "Salomé" de Oscar Wilde coa xente de "Chévere" que dirixira para o Centro Dramático Galego, xa entrando no anos 90, cun memorable aforo de 700 espectadores no Cine Rivas, onde se colgara o cartel de "non hai entradas". Foi daquela, nos inicios do Festival de Teatro Galego cando coñecín a Roberto Vidal Bolaño, non so como dramaturgo senón tamén como amigo. No mesmo Cine Rivas moitos recordarédes aquel mítico "Caprice des Dieux" que tanta polémica trouxera ao teatro galego.

Despois, chegou a etapa de "Teatro do Aquí" e as súas actuacións no Festival de Teatro Galego, xa no auditorio do Carballiño, dende mediados dos anos 90, coas representacións de "O Desengano do Priorio", "A Ópera de A Patacón", "Rastros", "Anxeliños", "Oé, Oé, Oé", ata chegar a doble participación no Festival do ano 2.000, con "Criaturas" e "Sen ir máis lonxe", un monólogo de noventa minutos de palabra e talento na que sería a súa derradeira representación no Carballiño.

Precisamente, no festival dese ano, a organización do Festival do Teatro Galego recoñecendo a súa aportación vital de tantos anos ao teatro galego e ao festival carballiñés, fixeraselle unha homenaxe e entregaraselle como agallaso un cadro do pintor Juan Valcárcel, no que aparecía un sombreiro. Unhos meses despois, ao declarse a súa enfermidade, comentoumo en Compostela "non lle volvades facer unha homenaxe en vida a ninguén".

Neste ano 2013, no que Galicia -no dia das letras galegas- rindelle homenaxe once anos despóis da súa morte, aos 52 anos de idade, quédome con aquelas outras palabras de quen é a figura máis relevante da dramaturxia galega, como autor, director e actor: "eu son un señor con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en dia, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandíosas".

Opinion: