Carta ao Conselleiro de Educación con motivo da súa visita ao CPI de Maside

13, Setembro 2011

O Conselleiro inaugura o día 12 o curso escolar de Galicia no CPI Terras de Maside.

Como saúdo de inicio deste novo curso escolar,  afirma o día 10 de setembro na web da súa consellería que volve demostrar o seu interese polo benestar dos estudantes galegos.

 

Pois en Maside estes estudantes polos que tanto se preocupa encontráronse desde que el se fixo cargo    da consellería con moitas medidas que non contribuíron ao seu benestar:

  • Dous profesores menos en Secundaria.
  • Materias que deixaron de ser impartidas por especialistas
  • Un Programa de Diversificación Curricular “adaptado” ao escaso profesorado. Mentres en cursos anteriores, cada un dos ámbitos do Proxecto era impartido por un profesor/a, que pasaba con eles 9 ou 8 horas semanais (tal e como a lei así obriga), no curso anterior 5 profesores se fixeron cargo deses dous ámbitos repartindo as horas entre todos eles.
  • Falta de agrupamentos necesarios para desdobrar en grupos alumnado de 1 e 2 da ESO, como si foi posible en cursos anteriores.
  • Un profesor que só podía estar no centro dous días (xa que compartía horario con outros centros)
  • Persecución  da lingua galega
  • Obstaculización do traballo de docentes que denunciaron esa persecución
  • Menos profesorado para realizar  actividades (biblioteca, TIC, Normalización, actividades extraescolares e complementarias,...

 

Iso foi o curso pasado, neste curso haberá que sumar, ademais, que

  • O profesorado terá que facer gardas de transporte (e chegar ao seu traballo á hora que á empresa de transportes lle conveña).
  • O aumento do horario lectivo do profesorado vai facer moi difícil ou imposible que ao alumnado se lle poidan ofrecer outras actividades moi necesarias no centro (saídas, festivais, biblioteca, revista,intercambios, concertos, radio,... )

 

O Conselleiro afirma na web que “a Consellería garante a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa – pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe, entre outros-, así como o mantemento da calidade do ensino”

 

Para manter a calidade do ensino a Consellería contrata neste curso 800 profesores/as menos en Infantil e Primaria. Curiosamente incrementa as unidades concertadas con centros privados, mentres suprime unidades no ensino público.

 

 Por iso ao Conselleiro non se lle ocorrería inaugurar oficialmente o curso no Ben Cho Shey, onde os pais e nais si reclaman a calidade no ensino dos seus fillos.

 Inaugura o curso en Maside e inaugura tamén obra. Unha obra cuxos trámites iniciou outro Equipo Directivo e a comunidade educativa levaba moito tempo reclamando.

 

      Debido a todo o anterior, esta profesora do centro non celebra esta visita e prefire recordarlle ao Conselleiro que se quere manter a calidade do ensino debe adoptar  medidas que realmente a garantan, en lugar de afanarse de forma tan vehemente en recortar os recursos que o ensino público de hoxe e os cidadáns e cidadás de mañá precisan.