Arenteiro e Carballiño F.S. reciben serios correctivos nos seus desplazamentos

21, Decembro 2009

Fin de semana para esquecer para os equipos máis representativos do deporte carballiñés, ambos resultaron goleados nos seus respectivos desplazamentos. O Arenteiro colleitou unha incontestable derrota por catro goles a cero na súa visita á parroquia canguesa de Aldán, onde se atopou cun Rápido Bahía moi superior desde o principio ó remate do partido, os cangueses non deron opción a un Arenteiro outra vez incapaz de crear nin xiquera unha ocasión de gol. O recén ascendido Rápido Bahía, dando unha lección de fútbol moderno, borrou do campo ós carballiñeses, que volveron estar apáticos e sen ideas do qué facer no campo. Un caos na defensa e unha parsimonia total no resto do equipo explican unha derrota que só as boas intervencións do porteiro Iván González evitaron que o resutado fora aínda máis escandaloso. O Arenteiro, que xogou a última media hora con dez pola expulsión por doble amarela de Oliveira, volveu amosar a súa pior cara desta tempada, desta vez esqueceuse incluso que non xogaba en Espiñedo.

Tampouco foron ben as cousas para o Carballiño F.S, no seu desplazamento ó lider da categoria. O Parrulo do Ferrol endosou un severo 8-2 ós carballiñeses, un excesivo castigo para o visto na cancha, e truncando así a case inmaculada marcha do equipo de Colmenero nesta competición da primeira A do fútbol sala. Malia esta derrota, o Carballiño F.S. conserva a segunda posición na táboa clasificatoria, a cinco puntos do lider.