O Partido Popular critica a suba de taxas e gastos de persoal no concello de Piñor

3, Decembro 2012

O Partido Popular denuncia "que cada vez que hai eleccións o alcalde socialista de Piñor paga favores con contratos de traballo que repercuten no bolsillo dos veciños de Piñor".

O portavoz dos populares recordou como "no pleno que acabamos de celebrar nós votamos en contra doutra modificación  do orzamento, que aprobaron os socialistas cos seus votos, unha modificación pra atender os gastos extras en persoal, un capítulo que se leva catrocentos mil euros, unha cantidade totalmente desproporcionada para un concello de apenas 1.300 habitantes que  ten un orzamento anual de pouco máis dun millón de euros", asegurou José Luis González.

Tamén se opuxeron os populares a suba das taxas municipais para o 2013, como as que deberán pagarse pola recollida do lixo, outorgamento de licenzas urbanísticas e licenzas de apertura de establecentos, asi como o imposto de vehículos de tracción mecánica ou o IBI. O portavoz popular botoulle en cara ao alcalde socialista "a hipocresía que amosan no PSOE, que non lles falta tempo para criticar as subas cando as fan outros e cando teñen eles a oportunidade de predicar co exemplo o primeiro que fan é subir taxas e impostos".