Os Socialistas de Leiro urxen unha solución para a estrada Paredes-Orega

8, Xuño 2012

Os socialistas de Leiro pediron por escrito ao alcalde que acondicione a estrada que une os pobos de Paredes e Orega. Afirman que o vial atópase“nun estado lamentable polas múltiples deficiencias que presenta, con grandes buratos de constitúen un perigo para a circulación de vehículos”.

 O portavoz socialista, Manuel Rodríguez Vázquez, convida ao alcalde  a investir o famosos superávit do que presume, que ascende a case 130.000 euros, en servizos básicos necesarios para os veciños, porque dita cifra provén dos impostos que os veciños pagan, e non da súa conta de aforro do banco.

 “Parece que o diñeiro do Concello lle pertence ao alcalde, pero pertence aos veciños, el está só para xestionalo, e é o seu deber mellorar os servizos municipais e neste caso mellorar unha rúa que presenta graves deficiencias”, afirma.

Os socialistas denuncian que hai pobos “totalmente abandonados” polo grupo de goberno municipal, baixo a escusa de non endebedar o concello cando en realidade se trata de obras de pouco custe que se pagarían no propio exercicio.

 Como exemplo deste abandono está o feito de que nin sequera hai sinalización algunha que identifique o pobo de Orega, algo que tamén reclaman os veciños.

“Non cremos que arranxar esta vía vaia supoñer a ruína do Concello”, sinalan, “simplemente se trata dun exemplo máis da ineptitude do alcalde e do Partido Popular a quen non lle importan en absoluto os problemas dos cidadáns”, engaden.