Un penoso Arenteiro non pasa do empate (0-0) ante o colista Nogueira de Ramuín

13, Decembro 2009

En 94 minutos de partido o Arenteiro foi incapaz de tirar nin tan xiquera  unha vez con perigo entre os tres paos da portería rival, e eso que enfronte tiña ó colista da categoria, o Nogueira de Ramuín, que polo visto no municipal de Espiñedo é un equipo máis propio da primeira rexional que da preferente. Pois este endeble rival foi capaz de tutear ó Arenteiro e, se temos en conta as ocasións que creou nos primeiros vinte minutos de partido, tampouco sería unha inxustiza que se houbese levado os tres puntos, e se non aconteceu asi foi pola candidez dos seus dianteiros e tamén, nun par de ocasións, polas excelentes intervencións do meta local Iván, acaso o único que pode salvarse do grotesto espectáculo que ofreceu este Arenteiro. Sen entrar a valorar que no equipo faltaban por lesión varios titulares, o certo é que sobre o terreo de xogo, os que sairon estiveron completamente perdidos e sen saber qué facer co balón, sen dar sensación de equipo en ningún momento. Na defensa, un coladeiro que non soubo aproveitar o Nogueira; un obtuso centro do campo e adiante un ataque romo ou practicamente inexistente, salvo dúas xogadas personais e ailladas, unha de Oliveira e outra de Martín, na que estivo a punto de soar a flauta. Foi todo o que ofreceu este paupérrimo Arenteiro que nos últimos seis partidos como local suma dous puntos, con catro derrotas e dous empates. E aínda así os máis fieis seguen achegandose a Espiñedo, eso si, unha afección tan decepccionada e fria como a tarde deste domingo 13 de decembro, festividade de Santa Lucía, a protectora da vista, á que deberiámos encomendarnos porque a este Arenteiro parece ser que a vista élle a dun "tuerto" .