A Xunta acondicionará a Praza de Lebozán

23, Outubro 2013

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, asinaron o convenio que fará posible esta obra.

O importe deste convenio, aportado ao 100% pola Xunta de Galicia, elévase a 31.937 euros. Nas inmediacións desta praza conflúen varias zonas de esparcemento veciñal, como a igrexa parroquial de Santa Cruz, a escultura A lavandeira do metal e un parque infantil; polo que a mellora e acondicionamento deste punto converterá esta zona nun punto de referente veciñal.

As actuacións consistirán na mellora do pavimento con lousas de pedra de granito do país, a construción dun muro de formigón, ao tempo que se instala unha arqueta e toma de augas. O proxecto tamén inclúe a construción dunha caseta para albergar o cadro eléctrico.

En relación coas obrigas, o departamento que dirixe Agustín Hernández aportará o 100% do investimento; mentres que a Administración local deberá redactar o documento técnico de definición da obra, obter os permisos, licencias e autorizacións, poñer a disposición da Xunta os terreos libres de cargas e contratar, executar e dirixir as obras.

O conselleiro manifestoulle ao alcalde que non se trata dunha obra cun orzamento elevado, pero puxo en valor a importancia desta actuación xa que responde ao obxectivo de recuperar os espazos de encontro para mellorar as posibilidades de lecer dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no media rural.