San Amaro pide melloras no centro de saúde e a extensión da cobertura do servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no municipio

O alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, acompañado polas concelleiras Noelia Ordóñez, responsable de Atención Cidadá, e Paula Arias, responsable de Servizos Sociais, mantiveron unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, na que se abordaron diferentes necesidades sanitarias do municipio.

O encontro permitiu avanzar en dúas cuestións prioritarias para o Concello: a rehabilitación e mellora do centro de saúde e a extensión da cobertura do servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO).

Compromiso para unha segunda reforma do centro de saúde

Un dos principais resultados da reunión foi o compromiso adquirido polo conselleiro de Sanidade de colaborar nunha nova actuación de rehabilitación do centro de saúde de San Amaro.

A Consellería enviará persoal técnico para realizar unha valoración das necesidades do edificio e determinar as actuacións que deben acometerse, co obxectivo de formalizar posteriormente un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de San Amaro.

Esta intervención dará continuidade ás obras realizadas hai aproximadamente catro anos, tamén coa colaboración da Administración autonómica, que permitiron renovar a cuberta e os baños do centro sanitario, así como instalar un falso teito na sala de espera para mellorar a eficiencia enerxética.

Na actualidade, o edificio presenta novas necesidades de conservación, especialmente nos bloques de vidro situados na parte superior, algúns dos cales se atopan deteriorados e presentan risco de desprendemento.

Ademais, o Concello considera necesario substituír a cuberta de policarbonato da entrada principal e acometer unha mellora xeral das fachadas e dos elementos exteriores do inmoble.

Durante a reunión, o alcalde fixo entrega dunha memoria explicativa acompañada de documentación fotográfica, na que se recollen as principais deficiencias detectadas e as actuacións propostas.

Fernando Rodríguez Redondo valorou positivamente a resposta da Consellería, destacando a importancia de continuar investindo na conservación e modernización das infraestruturas sanitarias do rural.

Avances na atención sanitaria a domicilio

A segunda cuestión abordada foi a necesidade de seguir avanzando na implantación e ampliación da cobertura do servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no municipio.

Este modelo asistencial permite que determinados pacientes reciban no seu propio domicilio coidados de rango hospitalario, evitando ou reducindo a necesidade de permanecer ingresados nun centro sanitario, sempre que se cumpran os requisitos clínicos establecidos.

O Concello considera que este servizo resulta especialmente importante para San Amaro, debido ao envellecemento da poboación e á dispersión dos seus núcleos rurais.

Durante o encontro, os responsables sanitarios trasladaron o compromiso de continuar traballando para que este recurso asistencial poida chegar a todos os veciños e veciñas de San Amaro que o precisen e reúnan os criterios establecidos.

Colaboración institucional para mellorar os servizos no rural

Desde o Concello de San Amaro valórase moi positivamente o resultado da reunión, tanto polo compromiso de colaboración na rehabilitación do centro de saúde como pola disposición da Consellería a seguir avanzando na extensión da atención hospitalaria domiciliaria.

O alcalde agradeceu ao conselleiro de Sanidade a súa receptividade e o interese mostrado polas necesidades do municipio, reiterando a disposición do Concello a colaborar coa Xunta de Galicia para que ambas as iniciativas poidan materializarse.

«O noso obxectivo é que vivir nun concello rural como San Amaro non supoña ter menos oportunidades de acceso a unha atención sanitaria de calidade. Seguiremos traballando e colaborando con todas as administracións para mellorar os servizos públicos dos nosos veciños e veciñas», sinalou o alcalde.

Compartir en: