Cúmprese un ano "de enganos, mentiras e pelotazos", balance que fai Espazo Común no concello do Carballiño deste ano de xestión municipal

25, Maio 2020

Este martes 26 de Maio cúmplese un ano das eleccións municipais de 2019 que auparon a Francisco Fumega á alcaldía do Carballiño con maioria absoluta.

Espazo Común fai balance deste primeiro ano de mandato subliñando que "o ciclo xa comezou mal cando, sen anuncio previo, Fumega compuxo o goberno máis caro da historia do Carballiño. Catro concelleiros cobrando un soldo e outro máis percibindo un xeneroso salario de 41.000 € anuais da Deputación nunca antes ocorrera".

Afirman que da acción política deste goberno "tan só saen del iniciativas relacionadas coa organización de verbenas, propostas para dar pelotazos coa privatización de servizos públicos e, sobre todo, unha interminable ristra de enganos e mentiras".

E mesmo apuntan a "pelotazos que van deixar as políticas de Fumega para os vindeiros anos ascenden a máis de 30.950.000 de € nos que o Concello do Carballiño vai quedar hipotecado con diferentes empresas para que executen servizos públicos".

E para xustificar todas estas afirmacións, Espazo Comun fai unha relación de "enganos, mentiras e pelotazos":

•TOMADURA DE PELO AOS VECIÑOS DE ARCOS COA NON PARALIZACIÓN DOS SEUS RECIBOS DO LIXO DESPOIS DE TERLLO COMPROMETIDO
•ANUNCIO DA SINATURA DUN CONVENIO CON MASIDE PARA A AMPLIACIÓN DO CHAN INDUSTRIAL QUE RESULTOU SER FALSO
•CONFIRMACIÓN DA PERDA DA SUBVENCIÓN DE 330.000 € PARA O OBRADOIRO DE EMPREGO DESPOIS DE NEGALO EN PLENO E NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN. HOUBO QUE CHEGAR A UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA CLARIFICAR A VERDADE.
•NA OBRA DA ALAMEDA COMEZOUSE A OBRA EN MARZO, ANTES DAS ELECCIÓNS E TRAS VARIAS DATAS FALSAS REMATOUSE EN DECEMBRO CUN CUSTO INEXPLICABLE DE 170.000 €
•NEGARON O DESVÍO DE CARTOS DO ORZAMENTO DE EMPREGO AO DE FESTEXOS CANDO ESTÁ REFLEXADO EN DECRETOS DE ALCALDÍA E NA CONTABILIDADE MUNICIPAL
•NAS OBRAS DAS RÚAS QUE UNEN J.R. SOTO COA AVDA. DO BALNEARIO MENTIUSE SOBRE O PROXECTO E A CANALIZACIÓN DE AUGAS ADEMÁIS DE COS PRAZOS E O CUSTE DA OBRA
•CANCELACIÓN DE DÉBEDAS CO CONCELLO A ALGÚNS “AFORTUNADOS” QUE PRIMEIRO ERAN UNS POUCOS E XA VAI EN 70.000 €. SEGUIMOS AGARDANDO A QUE SE NOS FACILITE A DOCUMENTACIÓN
•IMPORTE DE 250.000€ ADICADO AO FÚTBOL EN 2019 TENDO QUE PAGAR OS NENOS DA ESCOLA MUNICIPAL OS DESPRAZAMENTOS DO SEU PETO
•CRITERIOS DE AMIGUISMO PARA O REPARTO DE MASCARILLAS
•FUMEGA AFIRMOU VARIAS VECES EN PLENO QUE LEVABA NO SEU PROGRAMA A PRIVATIZACIÓN DE TÓDOLOS SERVIZOS. QUEDOU DEMOSTRADO QUE É QUEN DE MENTIR SOBRE O SEU PROPIO PROGRAMA QUE ESTÁ ESCRITO.
•INCUMPRIMENTO DO ACORDO DE REMUNICIPALIZACIÓN DA RECADACIÓN : CUSTO EMPRESA = 1.250.000 €
•ANUNCIO DA PRIVATIZACIÓN DO LIXO POR PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA DO CARBALLIÑO: CUSTO EMPRESA = 11.000.000 €
•PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR POLA PORTA DE ATRÁS SEN CONVERSAS CON OPOSICIÓN OU TRABALLADORAS. CUSTO EMPRESA = 4.700.000 €
•ANUNCIO DA PRIVATIZACIÓN DO PARQUE ETNOGRÁFICO
•ANUNCIO DA NON REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO DE AUGAS : CUSTO EMPRESA = 14.000.000 €
CUSTO TOTAL DA PRIVATIZACIÓN DESTES SERVIZOS= 30.950.000 €

Como balance da xestión de Fumega neste primeiro ano de mandato dende Espazo Común agardan "que esta situación mude de xeito urxente e o goberno comece a responsabilizarse das súas tarefas. Este pobo non pode permitirse o luxo de perder máis tempo nin regalar máis cartos a empresas",conclúen.