AOS VECIÑOS DO Nº44 DE CALVO SOTELO

22, Novembro 2022

Anímome a escribir para dar a miña opinión e consello a comunidade de veciños do nº44 de Calvo Sotelo. Porque, a razón do que leo penso que non están facendo as cousas como deberían e porque non están correctamente asesorados. Nin o concello, nin a concesionaria da auga teñen obriga algunha de arranxar os desperfectos ocasionados por debandito accidente no interior do edificio (na rua xa están arranxados). Non son eles quen teñen que contratar a ningunha empresa para arranxar os danos. Algún deles ou os dous poden ser responsables subsidiarios dos danos ocasionados, e empregar os seus seguros de responsabilidade civil para pagar os danos. A comunidade de vecinos ten que ter un seguro de responsabilidade civil, por se pasa calquera cousa no edificio (como neste caso). Ocurrido isto hai que chamar o seguro, que veña un perito  e facer un parte e valoración de danos, ver o que se pode arranxar ou non e o que hai que substituir. Haberá que pedir tres presupostos a tres empresas distintas para solucionar os danos, contratando a que máis interese relación calidade-prezo-tempo. Ainda sen coñecer as cláusulas do seguro da comunidade e sendo evidente que a responsabilidade subsidiaria non é da comunidade senón dun terceiro (sexa Viaqua ou Concello) o seguro debería adiantar, senón a totalidade gran parte dos cartos precisos para arranxar os danos. O seguro da comunidade do edificio xa se encargará de reclamar o concello ou a viaqua. Se o seguro, polo que fora non actua así, son os veciños os que teñen que adiantar os cartos para contratar a unha empresa que arranxe os danos e acudir os xulgados para que dirima quen o responsable subsidiario para facer fronte os danos ocasionados.

Si xa sei, eu non teño que adiantar os cartos para arranxar algo que non provoquei e inda acudir os xulgados, levará tempo, abogados.... Esa forma de pensar non é a adecuada nestes casos.

Seguramente non sexa a forma máis xusta, pero é a única forma correcta de facelo e de cobrar. Non podedes seguir agardando a que o concello ou  viaqua vos arranxen os desperfectos. Cando chegue o momento xa pagarán os seus seguros. Pero xa tíñades que ter arranxado iso, ben cos cartos do seguro da vosa comunidade ou ben con aportacións extraordinarias dos veciños.

Non quero que ninguén tome a mal o meu comentario, pero calquera asesor ou xestoria que leve comunidades opinaría o mesmo. A veces tómanse decisións equivocadas por malos consellos, outras por que quen nos da un consello acertado, non nos dí o que queremos oir e non facemos caso porque non nos gusta o que nos aconsella, outras porque tomamos decisión sen saber e sen ser aconsellados.

Non sei cal é caso aquí, pero o que está claro é que o camiño que tomaron non é o axeitado. Non perdades máis tempo senón ides seguir sen calefacción máis tempo.