Carta aberta ó alcalde de Maside
Comparezco públicamente neste medio para contestarlle a unha carta que
recibín no meu domicilio, na que vostede intenta xustificar, con máis pena
que gloria, a necesidade da privatización da xestión da auga e
alcantarillado durante os próximos 25 anos.
Sería conveniente recordarlle que os veciños de Maside firmaron con
vostede un contrato por catro anos, mediante o cal lle outorgaron a súa
soberanía depositando en vostede a súa confianza como representante do pobo
de Maside. E está vostede extralimitándose no uso desta confianza ó querer
firmar un contrato cunha empresa privada para privatizar o servizo da auga
nos próximos 25 anos, sen consultar cos veciños, sen informar á xente
sobre as peculiaridades do procedemento, sen telo incluido no seu programa
electoral, e atrancando un movemento veciñal que nace para informar á xente
do procedemento que vostede está empeñado en levar adiante a toda costa.
Cando vostede dí na súa carta que"a empresa que resulte
adxudicataria do servizo de abastecemento e alcantarillado terá que manter o
prezo fixado na ordenanza de marzo durante 25 anos coa única variación do
IPC", está faltando vostede á verdade. Falta vostede á verdade
por omisión, non informando aos veciños de que os ingresos que percibirá a
empresa adxudicataria estarán formados polas tarifas vixentes, as
subvenciones que o concello aporte á empresa adxudicataria, que como vostede
comprenderá, supón un coste indirecto ao tratarse de cartos do concello que
deberían ir destinados as múltiples necesidades do municipio, e as
contribucións especiais, que terán que pagar os veciños cando a empresa
considere que hai que realizar unha obra, a financie, lle pase os gastos ao
concello, e o concello repercuta estes gastos en novas tarifas, todo elo
reflectido no artigo 25 do prego de cláusulas administrativas.
Pero é que ademáis vostede minte por incomprensión e descoñecemento
dos efectos xurídicos do propio prego de cláusulas administrativas. O
artigo 33 do prego de cláusulas informa da revisión extraordinaria de
tarifas, por iso minte vostede cando di que a empresa adxudicataria terá que
manter durante 25 anos o prezo fixado na ordenanza de marzo. O ser o prego de
cláusulas ó que contempla a revisión extraordinaria de tarifas no artigo
33, a súa aseveración de que a empresa privada terá que manter os prezos
da ordenanza de marzo coa variación do IPC, é, simple e llanamente, FALSA.
Sr. Celso Fernández, hai outras opcións que sirven con obxectividade ao
interese xeral dos veciños de Maside. A máis axeitada é o mantemento da
xestión pública. Se non ten vostede tempo para desenvolver as tarefas
necesarias para garantir esta xestión, ten vostede a opción de deixar paso
a outra xente que amose este compromiso de servizo público. Pero non
hipoteque vostede as economías familiares de Maside durante 25 anos. E non o
faga con medias verdades que agochan grandes mentiras.
Maside, 3 de decembro de 2012
Asdo.: Antonio Iglesias Fernández