AS CITAS DE BOBORÁS, SEGUEN SENDO 4 DÍAS!!

18, Febreiro 2025

Son 4 días laborais en ámbolos dous casos, nin mellorou nin empeorou. Estase a facer unha interpretación equivocada do calendario. Que eu saiba nin en Boborás, nin en ningún ambulatorio, o médico/a de familia traballa os sábados, domingos ou festivos. Para iso están os correspondentes PACs por zonas.

Que todo é millorable, é un feito, pero temos que ser conscientes de que cada vez vai ser máis dificil topar man de obra en moitas ramas. E non so na sanidade, educación... Non se pode obrigar a ninguén a traballar nun determinado sitio porque haxa demanda. En Carballiño a praza de pediatria que se cubriu, non foi a da profesional que se xubilou, xa que ninguén quixo esa praza porque te ata o sitio de por vida. Non é un pecado que os profesionais non queiran ir a un determinado lugar. Non é un problema de Boborás, de Carballiño ou calquera outro concello. Por poñer outro exemplo bastante contundente, o primeiro MIR que escolleu traballar no Complexo Hospitalario de Ourense o ano pasado foi o número 598. Creo que este dato é bastante contundente para entender a realidade social. Non lle podemos pedir a estas novas xeracións o que non fixeron moitos dos nosos pais ou avós. O que máis ou o que menos no mellor dos casos abandonou as aldeas do rural polas cidades na procura dun futuro mellor, e outros directamente emigraron onde consideraron. 

Non pretendo ofender a ninguén, pero temos que ser realistas ca realidade que nos toca vivir. Probablemente non habería que facer eses ambulatorios dos que se fala, e o que había que facer e mellorar as comunicacións cos centros médicos máis grandes e ben equipados.

O sistema que tiñamos nin é sostible nin se pode manter no tempo.