Cómo pode ser que o concello de Leiro adxudique a compra dunha máquina multiservizos á oferta máis cara, cunha diferencia de case 9.000 euros ?

28, Decembro 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro critica a xestión levada a cabo polo goberno municipal do Partido Popular na adxudicación da compra dunha máquina multiservizos de corte e barredora para tarefas municipais. Os e as socialistas denuncian que, tras ter acceso a documentación, puideron comprobar que das dúas empresas participantes na licitación, gaña a mesma a que presenta a oferta máis cara, cun diferencial de custes de case 9.000 euros, que serán pagados con fondos públicos.

Dende o grupo municipal socialista explican que a este proceso presentáronse dúas empresas, unha que ofrecía a máquina por importe total de 28.352,32 euros e outra cuxo prezo estaba fixado en 16.196,86 €, cun diferencial entre ambos de 8.754 €. Os e as socialistas esgrimen que unha das eivas principais da adxudicación radica nas puntuacións, xa que tal e como apuntan “sae beneficiada a empresa coa oferta máis cara por mor de que ofrece 2 anos de mantemento gratuíto e 2 de ampliación de garantía”. Neste senso, afirman que “non pode ser que a valoración do mantemento e a garantía sexa practicamente a mesma que a do prezo da máquina”.

O vicevoceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González, sinala que a súa sorpresa “foi maiúscula” no momento de coñecer que a empresa que finalmente levaría a adxudicación foi a que presentou a oferta máis cara. O voceiro socialista afirma que o PP “pretende vendernos que é máis beneficiosa pola gratuidade do mantemento, unha gratuidade que baixo o noso punto de vista non existe, xa que hai un amplo custo diferencial no prezo final da oferta con respecto a outra empresa que participaba no concurso”.

González tamén se amosa moi crítico co sistema de puntuación, xa que tal e como subliña “non é normal que a puntuación do prezo sexa practicamente a mesma ca do mantemento e a ampliación de garantía”. O voceiro socialista explica tamén que a máquina ofrecida por ambas empresas “era da mesma marca, o mesmo modelo, coas mesmas características e os mesmos acoples” e fai fincapé en que “tras atoparnos coa situación consultamos o prezo recomendado para a venta da máquina e atopámonos que é notoriamente inferior o prezo que vai pagar o concello por adquirir esta máquina”.

O PSdeG-PSOE de Leiro tamén tivo coñecemento que a apertura de plicas foi retrasada durante 15 días por mor de eivas no formato, algo que segundo manifestan “é raro e deixa en evidencia que existen motivos escurantistas na adxudicación a unha empresa que presenta unha oferta moitísimo máis alta no prezo que a outra”. Os e as socialista apuntan, iso si, que “estamos a favor de que sexan as empresas locais as que participen nas obras e na subministración de maquinaria ao concello, pero sempre e cando isto non repercuta de forma notoria nas arcas públicas”.