De Espazo Común sobre a discriminación cos traballadores do sector da alimentación

11, Xullo 2025

Hai xa meses que os traballadores do sector da alimentación de varios grandes grupos de supermercados de toda a provincia de Ourense comezaron a reivindicar o seu dereito a ter unhas condicións laborais dignas e a non sufrir discriminación con respecto a outros traballadores das mesmas cadeas.

Xa fixeron folgas, manifestacións e mobilizacións de todo tipo pero a patronal do sector segue a facer que non acontece nada.

As súas demandas non poden ser máis xustas pois segundo os datos, perciben ata 3.000 € menos ao ano a causa do convenio desta provincia con respecto a xente que fai exactamente o mesmo cometido na Coruña ou en Pontevedra.

Non é xusto que as xentes de Ourense nos teñamos que resignar a ser sempre os últimos en todo e, por suposto, dende Espazo Común temos moi claro que apoiamos as súas demandas.

Por iso, imos levar ao pleno ordinario deste mes de xullo unha moción para pedir a tódalas forzas que forman a corporación o compromiso de apoio absoluto a estas reivindicacións que son as de tódolos ourensáns que non nos resignamos a que nos marxinen e desprecen.

Asdo: Grupo Municipal de Espazo Común, concello do Carballiño