De Espazo Común sobre os programas de conciliación e as axudas para libros de texto no concello do Carballiño.
Moito se leva falado no Carballiño nestes últimos anos da importancia de destinar esforzos e recursos a fortalecer as políticas de apoio ás familias con cativos.
Un ano despois das eleccións municipais de maio de 2023, o que deberan ser dous eixos para a captación de novos habitantes e de axuda aos máis novos, seguen a ser a mesma chapuza de sempre.
Un bó servizo de conciliación con horarios adaptados ás necesidades laborais de pais e nais traballadores; gratuito; nunhas instalacións axeitadas e cunha planificación que permita aos potenciais usuarios organizarse e apuntarse coa antelación suficiente como para saber que facer dun curso para outro. Non parece tanto pedir nestes tempos. Non?
Non debe ser porque a case totalidade dos concellos desta comarca contan con estas características.
Excepto a capital O Carballiño ten que destacar en negativo e, coma sempre, por decisións ou ausencia delas, que perxudican seriamente á cidadanía.
O prezo de base para optar a un lugar no Bo día, familia é de 360 €/mes máis o importe do xantar aparte.
Non se entende que non haxa servizo máis alá das 18:30 nun horario irracional e absurdo.
As instalacións están obsoletas e adoecen de moitas das características imprescindibles para poder organizar actividades para nenos nestas franxas de idade.
Así, xa non é só que se dificulte que se empadroen novas familias aquí se non que moitas que viven na nosa vila, rematan por censarse en San Amaro, en Boborás ou en Cea para poder disfrutar destes servizos.
O das axudas para libros de texto xa é para nota.
Despois de propostas, mocións, ideas, acordos, trasacordos con luz e con sombra, o desgoberno de Fumega concedeu axudas por valor de 4.500 € dun total dos 45.000 € contemplados nos orzamentos.
Isto arroxa unha cifra escalofriante se a comparamos cos concellos de arredor que dan 100 € por neno en idade escolar. No Carballiño a media sae a 2.5 € por neno.
Dende Espazo Común, avisamos por activa e por pasiva de que sen mudar as bases que rixen as axudas, calquer anuncio de aumento de dotación orzamentaria era só un enganabobos e, por desgracia, o tempo voltounos a dar a razón.
Namentres o responsable da área de Política Social, Diego Fernández e o desalcalde Fumega seguen tan a gusto cobrando os seus xenerosos salarios e acordan continuar na vagancia condenando a O Carballiño a outro ano perdido.