Decepcionante
Din os máis sabios que a verdade non é algo que teña que ver coa información, din que a verdade vívese, que é unha experiencia e non un conxunto de datos. E a verdade é que o que estamos a experimentar na comarca do Carballiño co transporte público é unha auténtica mágoa que pon ó descuberto a absoluta incapacidade dos nosos representantes políticos.
Resulta decepcionante, por non empregar verbas máis groseras, ver como un grupo de "representantes" políticos fan o paripé, despois de meses de sufrir un absoluto ostracismo por parte da sociedade civil (Adif, Renfe, e o resto de empresas semipúblicas ou semiprivadas). Tanto autobombo por parte duns e doutros, que se INFRAESTRUCTURAS... que se, isto ou aquelo colócanos no mapa... E o máis sinxelo sen atender, por neglixencia, por ter a cabeciña nas nubes. IMOS VER SEÑORES!!! Enraícense, poñan os pes na terra, que o único que amosa un pouco de senso común é o Sr. Reboredo, pasiño a pasiño: Se por dous minutos o Carballiño perde enlace con Madrid, porque o cercanías chega dous minutos máis tarde, o máis sinxelo é conseguir (non intentar) que o cercanías chegue dez minutos antes. E non fan falla moitos estudos pra decatarse desta verdade de perogrullo.
Outra verdade de perogrullo é que o transporte público non é rendable, non busca a rendabilidade senon a prestación dun servizo, polo que se estes catro "representantes" teñen verdadeiro interese en desenvolver o transporte público, que pese a non ser directamente rendable, xenera economías positivas, o que teñen que facer é procurar financiamento, e o primeiriño é dotar nos orzamentos partidas que subvirtan a necesidade da prestación destes servizos. Porque se vostedes, os catro xuntiños, van a outra institución como é a Xunta, ou a Deputación, pedindo cartos, pedindo un esforzo, pero vostedes non fan ningún esforzo e non poñen a capacidade de xestión por riba da mesa, todo quedará reducido a moitos "estudos" e a casa sen barrer. O de non ter competencias e trasladar a responsabilidade a outros son excusas de malos pagadores. Déixense de andar mendigando axuda externa, e fagan vostedes algo pra arranxar esta problemática, e despois de que vostedes amosen algo, procuren tamén axuda externa. XA ESTÁ BEN DE FOTITOS.