Denuncia de Espazo Común sobre o incumprimento no compromiso do concello do Carballiño para as axudas para libros de texto e material escolar
Dende Espazo Común levamos tempo reclamando que o Concello do Carballiño mellore
sustancialmente no capítulo de axudas para libros de texto e material escolar coma un incentivo máis para a captación e fixación de poboación.
Son moreas os concellos grandes e pequenos que facilitan ás familias un importante apoio á hora da educación dos seus fillos en cuestións coma a conciliación ou o apoio económico para os multiples gastos que teñen que afrontar nestas datas.
Sen embargo, o goberno do Carballiño segue facendo o que mellor sabe facer. Vender titulares e fotos e non facer nada para axudar ao cidadán.
Hai un ano, o agora socio PP apoiaba, contra toda lóxica, a suba de soldos de Fumega e os seus concelleiros a cambio de, entre outras cousas, que se aumentara a partida de axudas para material escolar nos orzamentos a 60.000 €.
Uns meses despois vendeuse na prensa que esta suba ía ir só ata os 50.000 e para non defraudar, finalmente a modificación foise ata os 45.000 €. O rigor nas cifras é unha broma para esta xente.
Pero a tomadura de pelo acada tintes astronómicos cando vemos como se desenvolveu a xestión destas axudas e deste orzamento.
Os beneficiarios foron recoñecidos en abril do 2024¡ Co curso xa case remtado. E o que é moito peor, deses 45.000 € que nos venderon e que propiciaron o apoio do PP á suba de soldos dos seus colegas do PSOE, só se adxudicaron 4.500 €. Un 10 %. O resto pasou a formar parte dese aforro que despois vende Fumega e que dilapida en asfaltados deficientes.
É tempo de dicir BASTA¡ a este tipo de prácticas de engano masivo.
O Grupo Municipal de Espazo Común faise eco da demanda de gran parte da veciñanza e exixe ao goberno do PP-PSOE que anuncien xa as bases para este curso e que dean tódalas facilidades posibles ás familias do Carballiño para poder contar con ese tan necesario apoio nestas datas.