Deslealtade a Fumega?
Penso que algún tertuliano anda bastante equivocado co tema da presunta deslealtade a Fumega. Curiosamente no ano 2016 tiven coñecemento por un concelleiro do PSOE de Maside que Fumega tiña pensado cortarlle as alas a Adolfo porque pensaba que destacaba demasiado. No ano 2016!!!
Hai algún que outro tertuliano que debería seguir este relato historiográfico pra non meter a pata nas tertulias porque queda moi feo cargar contra un correlixionario con infundios. Corría o ano 2011 e Fumega preséntase como alcalde de cor verde VOX fuxindo das cores socialistas habida conta do claro declive do zapaterismo. Adolfo, que me cae fatal, por esa dialéctica contundentemente brillante, por esa capacidade incansable de traballo, e porque está nas antípodas da miña ideoloxía, facía de fiel escudeiro de Fumega.
Obtivo unha maioría absoluta o PP. O insolente rapaz Adolfo, protagoniza a oposición máis prolixa na historia do Carballiño dende que eu recordo. Mocións e iniciativas a tutiplén, participacións coas plataformas a gogó (lembremos o tema da incineradora no Irixo). Constantes notas de prensa, denuncias incansables nesta páxina, ben redactadas, ben fundamentadas. Fumega seguía sendo un gran descoñecido salvo polo traballo do seu gregario de luxo (o impertinente rapaz). E dormitaba agardando tempos mellores.
Unha errática xestión da maioría absoluta do PP con erros garrafais como tentar facer un PXOM mal explicado un ano antes das eleccións, poñen máis fácil ao insolente rapaz brillar na oposición. Fumega cheira tempos mellores e fai un gran fichaxe estrella, o fillo dun exalcalde de Maside, que pese a seguir empadroado en Maside no 2015 pra apoiar ao seu pai, tiña moitísimo que ofrecer á política carballiñesa.
En todo o ano 2015 e no ano 2016 sígueme caendo fatal o señor Adolfo, pero teño que rendirme a súa infatigable capacidade de traballo, e comeza a encenserse unha luceciña de admiración pola súa dialéctica cada vez máis brillante. Incluso comezo a ler todos os seus artigos de oponión no diario La Región, porque aínda que non comulgo con casi ningunha das súas ideas, comezo a sentir gusto por ese estilo tan desenfadado e sinxelo de defender a ultranza a súa ideoloxía nun diario. Lealdade absoluta coa ideoloxía socialista. Xa quixeran moitos do cónclave que citarei ter a mesma lealdade.
Mediados do ano 2016, coméntolle esta admiración a un concelleiro do PSOE de Maside. Dime que a Adolfo vanlle recortar as alas.
Finais do ano 2018, celébrase un cónclave de alcaldes socialistas no concello de Maside. O presidente provincial o ex alcalde de Amoeiro, o alcalde de Coles, e o alcalde de Maside saen pola porta de atrás do concello. Quince días despois, Fran o exalcalde de Piñor, deixa de ser o voceiro do PSdeG na Deputación.
Concluo: Se un simple veciño de Maside coñecía no ano 2016 o que acontecería con Adolfo, porque un concelleiro do PSOE de Maside faillo saber. Se no 2018 é defenestrado outro compañeiro do PSOE, que agora milita no Espazo Común, o relato da deslealdade non o traga nin o máis parvo, a non ser que ande totalmente desinformado. A min caeme moitísimo mellor Fumega que Adolfo, pero teño a fea costume de seguir os cartos e os postiños pra enterarme do que realmente acontece. Fago como os ingleses: Follow the money... En non podo evitar establecer unha causa efecto entre o relato historiográfico, e quén ocupa agora a portavocía da Deputación. E Fumega caeme mellor quizáis porque comparte conmigo peluqueiro en Maside, porque quizáis é más accesible (aínda que non recurriría ao ciruxano máis accesible senon ao máis eficiente), e porque fai chascarrillos dun home masidao que pasea un gato como se fora un can.
Pero non lle perdoarei a Fumega privarme do exquisito espectáculo dun merecente Adolfo Nogueira como voceiro na Deputación. Será porque non trago a baltar... E penso que algún tertuliano lle debe algunha disculpa ao insolente Adolfo Nogueira, quizáis porque ideolóxicamente está moi por riba dos: Follow the money...