Do PSdeG-PSOE de Leiro sobre a pasividade do Alcalde ante a perigosidade das estradas polas xeadas

9, Xaneiro 2019

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que a incompetencia do alcalde de Leiro está a provocar riscos innecesarios para a seguridade veciñal, ante as intensas xeadas e temperaturas negativas da última semana. Os socialistas salientan que non estamos ante un problema imprevisto, posto que as alertas meteorolóxicas dos organismos oficiais sucédense desde hai días, mentres o PP local queda de brazos cruzados ante estradas permanente xeadas, que presentan unha vergoñenta falta de conservación.

O estado actual de moitas estradas e rúas de varias localidades do municipio de Leiro é intransitable sen que o goberno local faga absolutamente nada, expoñendo á toda a veciñanza ás desgrazas derivadas desta patente inseguridade viaria.

O portavoz do grupo municipal socialista, Manuel Rodríguez, denuncia a “perigosa inoperancia do alcalde conservador, que unicamente da a calada por resposta ante os problemas circulatorios que está a provocar o clima xélido e extremo que estamos a sufrir desde hai unha semana”. “Ante esta perigosa inacción do PP, vimos de rexistrar un escrito no que demandamos que se actúe coa máxima urxencia, espraiando sal nas vías e localidades afectadas por estas intensas xeadas”, relata Rodríguez antes de sinalar que “estamos a sufrir un verdadeiro perigo para condutores e veciños e veciñas ante o que Concello de Leiro quedou mudo”.

Os socialistas recórdalle ó goberno local que, aínda que estas vías non sexan de titularidade municipal, “é obriga do alcalde vixiar a seguridade de todo o municipio e, polo tanto, é responsabilidade súa reclamar á Deputación de Ourense ou a administración que ostente a xestión das vías afectadas, o seu mantemento en correcto estado e tamén en condicións óptimas para a circulación segura”.

“Na actualidade é un perigo desprazarse, tanto en vehículos de rodas como camiñando, por moitas vías e aldeas de Leiro, posto as rúas e estradas presentan unha salientable capa de xeo, polo que debe actuarse sen demora”, indica Manuel Rodríguez antes de recordar que “a veciñanza do concello non ten que sufrir a pasividade deste alcalde ante unha cuestión como esta que é perfectamente previsible e solucionable”.
Saúdos