Do PSdG sobre o acceso ó colexio da Uceira
A pouca querencia do Partido Popular polo ensino público é de sobra coñecida e bastan para atestígualo exemplos como a atroz Lei Wert, que entre outras cousas, divide aos estudantes entre os que teñen cartos na conta corrente e o resto, ou o decretazo de comedores da Xunta de Galicia que vulnera de forma clara os dereitos de moitos nenos e nenas transportados aos que non lle deixa máis opción que pagar por un servizo que ata o de agora era gratuíto, sendo especialmente grave o feito nalgúns centros do noso concello.
Aquí, a nivel local, o goberno de Argimiro Marnotes non se quere quedar atrás nesta misión de rematar coa educación pública e temos tamén mostras ,como a suba dun 1800 % do servizo de Familias Madrugadoras ou a promesa incumprida da construcción dunha segunda Galiña Azul, a pesares da lista de espera que hai para elo.
Así e todo, como se di habitualmente, unha imaxe vale máis que mil palabras, e o aspecto que presenta o firme da entrada ao colexio da Uceira fala ás claras do escaso interese que ten o goberno de Argimiro Marnotes por preservar unha instalación da que fan uso máis de 500 alumnos/as cada día.
Os baches, os charcos, os muros caídos, esa é a desoladora imaxe máis propia dun país de posguerra e coa que conviven a diario os pais e nais que levan aos seus nenos/as ata o centro e aos conductores dos autobuses que realizan o transporte escolar.
Aínda que, cecais, o máis grave é que todo o alumnado atravesa esa zona para baixarse e subirse ao seu correspondente transporte.
O Grupo Municipal Socialista esixe ao goberno municipal que poña fin a esta insostible situación. Xa é hora de esixirlle a responsabilidade necesaria a este goberno inoperante que estamos a sufrir. Hai que tomar medidas urxentes antes de que teñamos que lamentar algún incidente, xa que despois as excusas non valen para nada.