A falta de respecto institucional do alcalde de Leiro
O PSdeG-PSOE de Leiro esíxelle ao alcalde do municipio do Partido Popular, Francisco José Fernández, explicacións ante a falta de información á oposición da visita da conselleira de medio ambiente e dos conselleiros de medio rural e cultura á localidade. Os e as socialistas critican que tiveron constancia das visitas institucionais destes cargos da Xunta “a través da prensa”, xa que tal e como apuntan “non recibimos nin un só aviso ou comunicación por parte de alcaldía de ditas visitas”.
Dende o grupo municipal socialista de Leiro consideran que o rexedor “segue coas súas malas praxes habituais, tratando de impedir o traballo da oposición e denigrándoos, co único fin de evitar que participen e teñan constancia das visitas institucionais de cargos públicos ao noso municipio”. Ante esta situación, dende o PSOE de Leiro solicítanlle ao alcalde “explicacións dos motivos polos que o rexedor non decidiu avisar aos nosos concelleiros da presencia no municipio de ditas autoridades”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González, esta forma de actuar “é unha mostra máis da falta de respecto que o señor Fernández demostra pola oposición” e lémbralle que “mal que lle pese, o PSdeG-PSOE é tamén representante da veciñanza, polo que nin nós, nin os nosos votantes, veciños e veciñas de Leiro, merecemos tal desprezo pola súa parte”. Para o líder dos socialistas da localidade estas praxes “non son novas, xa que levan repetíndose o longo dos últimos anos”, e ante este motivo esíxelle ao alcalde que “rectifique nesta forma de actuar”.
“Como máximo representante público dos veciños e veciñas de Leiro, o alcalde debe rexerse polos principios da ética e a transparencia, comunicando e informando á oposición das visitas institucionais”, afirma Pedro José González. O voceiro socialista tamén afirma que “ao igual que o Partido Popular, o PSdeG-PSOE tamén forma parte da corporación” e subliña que “debe terse en conta a oposición para futuros actos e visitas institucionais, xa que estes son en beneficio da veciñanza de Leiro, e non actos electoralistas do Partido Popular”.