A "MALDICIÓN DO RELOXO" E A INCOMPETENCIA DO GOBERNO MUNICIPAL DO CARBALLIÑO

2, Febreiro 2023

A "MALDICIÓN DO RELOXO" E A INCOMPETENCIA DO GOBERNO MUNICIPAL DO CARBALLIÑO

            Alá polo ano 1995, unha das dúas emisoras de radio que emitían no Carballiño, e segue emitindo a día de hoxe, abría o servizo de informativos coa canción "El reloj" dos afamados Los Panchos: "...Reloj, no marques la hora, porque voy a enloquecer... Reloj, detén tu camino porque mi vida se apaga...". Unha metáfora da situación de parálise e desgoberno do equipo municipal da época. Creaba así a "maldición do reloxo".

            Matemático, cando se produce relevo de goberno municipal, a primeira medida que toma o equipo entrante é a posta en marcha do reloxo da torre do Concello e darlle a ración de corda diaria que exixe o seu funcionamento.

            O reloxo do Concello do Carballiño é o espello máis fiel da eficacia si puntualmente marca o paso das horas ou o reflexo da deixadez, neglixencia, incompetencia e irresponsabilidade cando queda adormecido no tempo. Non recordo cando foi a última vez que o vin funcionar.

            Esta introdución ven a conto do asunto da apropiación ilegal de terreos privados e de propiedade municipal por parte dun familiar directo do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, quen, a pesar de estar inhabilitado por esta circunstancia e sabedor de que os postes de cerre xa colocados meses antes da comunicación previa vulneraban a legalidade urbanística, decidía concederlle o título habilitante para a realización das obras que, como dicía, xa estaban feitas de xeito ilegal.

            Presentada por min a denuncia correspondente, como copropietario do terreo privado invadido, e despois de emitidos os informes xurídicos e técnicos, o Concello, a través do concelleiro delegado Manuel Dacal, resolve que sexa restaurada a legalidade urbanística, ou sexa, o derribo do cerramento, que permitía recuperar os terreos apropiados indebidamente. Non obstante, os mesmos responsables do Concello incumpriron o deber de tramitar e executar tal procedemento no prazo estipulado, burlando sistematicamente a lei e negando o acceso á información e documentación do expediente, feitos que precisaron da intervención da Valedora do Pobo en reiteradas ocasións. Unha sensación de estar máis preocupados en defender os intereses dos seus achegados que dos públicos aos que se deben, pois, en ningún momento mostraron intención algunha de recuperar a superficie municipal substraída.   

            Obrigado pola Valedora do Pobo, iníciase un novo expediente de restauración da legalidade urbanística e o correspondente expediente sancionador. A secretaria emite a proposta de resolución que obriga novamente ao infractor ao derribo do cerramento. Da resolución do concelleiro responsable nada se sabe. Da resolución do expediente sancionador menos aínda. A negativa de acceso á documentación solicitada continúa. Volta a recorrer á intervención da Valedora do Pobo e á reclamación de Responsabilidade Patrimonial.

            Así estamos dous anos e medio despois. Todo segue igual. Á espera da chegada  de quen volva a poñer o reloxo en marcha.