O alcalde de Leiro tarda 4 anos en arranxar o parque infantil do Salgueiral
O alcalde popular tarda 4 anos en recoñecer que o parque do Salgueiral está destinado ao ocio infantil a pesar das reiteradas denuncias e demandas dos socialistas de Leiro para que se executase a súa reparación. O PSOE leva desde o 2015 reclamando que se arranxe este parque dadas as penosas condicións nas que se atopaba e a veciñanza tivo que aturar, neste tempo, como o rexedor do PP negaba o seu carácter de zona de xogos infantís e recuncaba da súa responsabilidade. “Despois de numerosas iniciativas, denuncias públicas e ata mocións para que reparase un parque que se negaba a recoñecer como tal, de súpeto e coa chegada inminente das eleccións, fainos caso e arranxa o parque do Salgueiral. Alegrámonos da decisión aínda que sexa completamente oportunista”, sinala o portavoz municipal dos socialistas, Manuel Rodríguez.
Desde o PSOE lémbranlle ao goberno municipal que o parque é unha instalación de titularidade pública e que sempre foi competencia municipal telo no seu debido estado de conservación e mantemento. Con respecto a isto, o portavoz do PSOE, indica que “ata esta remodelación, os elementos e equipos de xogos non cumprían en absoluto a normativa vixente, todo estaba estragado, con elementos rotos e unha sinalización e accesibilidade inexistente”. Engaden, os socialistas, que non se trata do único caso no concello posto que o parque infantil do Campo da Feira presenta o mesmo estado lamentable.
Indican ademais que é intolerable que o alcalde se dedicase todo este tempo a mentir sobre o parque do Salgueiral: “As mentiras teñen as patas moi curtas e neste caso ata están recollidas, nunha acta plenaria, unhas palabras do propio alcalde dicindo que o tal parque non é unha zona de xogos, Se acaso non é unha zona de xogos, por que repara agora as randeeiras, tobogáns e demais elementos? Quixo tomarlle o pelo a toda a veciñanza de Leiro e agora volve cambiar de parecer como o vento”.
Desde o grupo socialista insisten en que van seguir loitando e traballando polo ben xeral do concello, como neste caso, e van insistir en que se arranxe tamén a zona de xogos do Campo da Feira. “As nosas iniciativas valen para que, finalmente, rectifique das súas posicións absurdas e asuman as propias responsabilidades ademais de pórlle as pilas a un goberno caracterizado pola desidia e a mala xestión”, remata o voceiro do PSOE.