O Irixo, terra de meigas. Porque habelas, hainas

26, Xuño 2024

Non se queren crer as últimas noticias e rumores que rondan a contorna, e que falan de duelos entre os protagonistas da política municipal por cuestións de soberbia. Pero o que non se pode aceptar é a oportunidade que se lle brinda de novo ao exalcalde para que recupere o seu ansiado recoñecemento público. 

E é que o cambio de parecer do bufón faranduleiro da parroquia de Corneda, fai cambalear o castelo de naipes que se construíu con tanta incredulidade dende os seus comezos. Pero pode que a culpa non deba caer só sobre o triste bufón, xa que a corte coñecía quen era o candidato que os facía rir. 

Concelleiros e alcaldesa, están seguros de querer deixar o futuro do pobo en mans dun soberano coñecido por magníficas fazañas de garduño? Paráronse a pensar no lugar que lles queda a vostedes e á súa reputación cuestionable, no punto de mira dos seus votantes? 

Nestes intres, só torna ao pensamento do pobo o sentimento que transmite a nosa querida Rosalía de Castro nos seus versos: 

“Cando penso que te fuches, 
negra sombra que me asombras, 
ó pé dos meus cabezales, 
tornas facéndome mofa.”