O Partido Popular do Carballiño denuncia outra perda de subvención para a Biblioteca Municipal
A Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia puxo a disposición das bibliotecas públicas o catálogo de actividades de animación á lectura e publicou as bases de participación para que as bibliotecas públicas se puidesen acoller ao programa LER CONTA MOITO 2017.
Todas as Bibliotecas tiveron esta información e da resolución da Secretaría Xeral de Cultura, resulta o seguinte:
Admitíronse 208 solicitudes de Bibliotecas públicas das catro provincias galegas cunha subvención media 850,00€ para cada unha delas.
Outras 3 non foron beneficiadas de subvención por non cumprir con estar integradas na rede de bibliotecas.
E 4 bibliotecas foron excluídas da subvención por non solicitar a mesma no prazo establecido do 1 ao 15 de febreiro.
Por suposto e como ben sendo habitual no noso pobo co actual Goberno, a biblioteca pública do Carballiño, foi unha das excluídas por non cubrir o formulario electrónico de solicitude.
É inaceptable, nun pobo como O Carballiño, que se perda esta subvención, que lle da posibilidades de actividades a nosa biblioteca.
Un concelleiro con dedicación en cultura e educación, non pode ter esta desidia, que respecto da biblioteca, xa non é só sobre subvencións, pois tampouco está a xestionar ben nin o persoal nin o mantemento das instalacións.
Pedimos dende o Grupo Popular que o Goberno Socialista Local se dedique ao que lle interesa aos veciños/as do Carballiño e vele polo servizos públicos, sendo algo que sempre defenderon pero que ao parecer non lles interesa de verdade, e recordamos que a biblioteca é un dos servizos públicos fundamentais e obrigatorio.