O PSdeG de Leiro denuncia a existencia dunha "trama" municipal na concesión das prazas do campamento de verán.
O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que namentres varios nenos e nenas, netos e netas de veciños e veciñas empadroadas e que están cumprindo coas condicións e co empadroamento real no municipio, quedaron “fóra” do campamento de verán, familiares dunha traballadora municipal censada na casa consistorial "si obtiveron praza no mesmo”. Os e as socialistas consideran que este “trato de favor” a unha persoa que reside no Carballiño e que está censada de forma “irregular” no municipio “é inadmisible”. “Estamos ante unha trama na concesión das prazas para beneficiar a certas persoas”, afirman.
Dende o grupo municipal socialista explican que as bases para obter praza no campamento de verán din claramente que a orde de preferencia “é en primeiro lugar para crianzas empadroadas no municipio, en segundo lugar para fillos, fillas e netos e netas de persoas empadroadas en Leiro”. Consideran “denigrante e vergoñento” que unha persoa que “non paga un só imposto no municipio e ten a súa residencia no Carballiño”, se vexa beneficiada a hora de acceder as prazas do campamento de verán, “namentres varios nenos e nenas, netos e netas de veciños e veciñas que cumpren relixiosamente cos seus empadroamentos en Leiro, quedasen fóra do mesmo”.
Os e as socialistas afirman que “esta traballadora municipal, que é a que xestiona os empadroamentos, aproveita o estar empadroada na casa consistorial, para meter a familiares no campamento”. Ante esta situación dende o PSOE de Leiro esíxenlle ao rexedor do Partido Popular, Francisco José Fernández, que “cese na súa actitude de empregar o concello como se fose a súa propia casa e de beneficiar a persoas afíns as súas siglas políticas e as que ten empadroadas nun edificio municipal de xeito irregular”.
“Estamos ante un agravio comparativo cara a veciñanza que está empadroada e reside en Leiro”, denuncian os concelleiros socialistas, antes de sinalar que “namentres esta persoa esixe legalidade total as persoas que se empadroan en Leiro, non é coherente na forma de actuar”. O PSdeG-PSOE de Leiro tamén afirma que as bases para o campamento de verán “están firmadas polo alcalde, que é coñecedor desta situación”.
Dende o grupo municipal socialista de Leiro lembran que a comezos do mes de xullo instaron ao grupo de goberno do Partido Popular a “mellorar” a oferta de prazas no campamento de verán que se celebrará entre o 3 de xullo e o 8 de setembro, xa que consideraban que 20 “son moi poucas prazas para a demanda actual de cativos e cativas que hai no municipio”. Tras quedar varios nenos e nenas fóra do campamento de verán, os e as socialistas subliñan que “a nefasta xestión do alcalde, quedou unha vez máis en evidencia, ao non prever a alta demanda de prazas e ao beneficiar a certas persoas empadroadas irregularmente”.
Por último, dende o PSdeG-PSOE de Leiro subliñan que “estamos ante unha reincidencia nas malas praxes”, xa que tal e como apuntan “xa nas eleccións municipais denunciamos e levantamos acta ante aos empadroamentos irregulares na casa consistorial, pero vemos que a cousa non só non parou ou se corrixiu, senón que aínda foi a máis”.