O PSdG asegura que un empresario rexistrou a marca "festa do pulpo"

3, Decembro 2012

Estupor é a palabra que define a sensación que o gremio de pulpeiras e pulpeiros de Arcos está a sentir estes días ante a confirmación dunha nova mostra da inoperancia do grupo de goberno do Concello do Carballiño e o seu alcalde Argimiro Marnotes.

            Despois de deixar en evidencia a súa intención de centrarse só na Festa do Pulpo como evento lúdico da nosa vila e esquecerse completamente de todas as demais datas sinaladas (xa conseguiron en so dous anos case fulminar o Entroido, o Setembro, a Cachucha…), despois de vender a bombo e platillo a súa xestión para declarar esta festa de interés turístico nacional, despois de vender unha semana de festa sen aportar nada novo, basicamente copiando o que xa estaba instaurado dende gobernos anteriores (récord de plato de pulpo, música e pouco máis), despois de todo eso atopamonos coa sorpresa que ten ao pobo de Arcos atónito.

            O pasado dia 28 de Setembro de 2012 unha empresa privada, con sede en Ourense, rexistrou a propiedade da marca do logo da Festa do Pulpo.O anagrama que se ven usando para promocionar o evento en carteis, folletos e mesmo anuncios en prensa é agora propiedade dun empresario ourensán que nada ten que ver co pulpo e cos pulpeiros. As consecuencias deste feito son innumerables, pero entre as máis importantes está o feito de que esta empresa ten dereito a cobrar cada vez que alguén, Concello incluido, desexe empregar esta imaxe.

            Por moito que sexa unha empresa de publicidade, que nos últimos tempos “colabora” co señor Marnotes, o feito de que esta marca pase a mans privadas, non deixa de ser unha fonte de preocupación para a xente vencellada ao sector pulpeiro, pois calqueira diferencia entre a empresa e a entidade municipal pode derivar na imposibilidade de empregar este elemento identificador e plenamente instaurado como imaxe do día do Pulpo,

            É por tanto, evidente, que tanto nós como todos os afectados, nos preguntamos porque o o señor Marnotes non acometeu por si mesmo este rexistro e permitiu que un elemento máis da nosa identidade pase a mans privadas e se escape de entre as mans dos veciños e veciñas desta vila. A resposta ven dada, incapacidade manifesta.

            Dende o Grupo Municipal Socialista estamos en disposición de anunciar que imos a presentar unha moción de urxencia para que no vindeiro pleno se trate de que o Concello recurra este rexistro e faga todo o posible para que este quede como propiedade municipal.

ASDO: Grupo municipal socialista do Concello do Carballiño