O PSOE DE LEIRO DENUNCIA UN GASTO "INMORAL" DE 112.000€ EN SOLDOS POLÍTICOS SEN MEMORIA DE TRABALLO NUN CONCELLO DE 1.500 HABITANTES

8, Marzo 2026

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Leiro, representado polos concelleiros Manuel Rodríguez e Pedro José González, presentou hoxe un contundente escrito de alegacións contra o proxecto de Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A impugnación pon o foco nunha partida de gasto que os socialistas cualifican de "desorbitada e carente de ética": a asignación de máis de 112.458 euros ao longo da lexislatura para o pago de tres dedicacións parciais do grupo de goberno.

A denuncia socialista fundaméntase na total ausencia de memorias xustificativas que avalen este gasto. Segundo o PSOE, no último pleno solicitouse formalmente por escrito un informe sobre as actividades e resultados obtidos por estas áreas dende o inicio do mandato en xuño de 2023. A resposta do Alcalde, lonxe de ser técnica, foi un recoñecemento da súa propia falta de transparencia ao afirmar que "non ía perder o tempo facendo memorias para a oposición".

Para os concelleiros do PSOE, esta actitude é inaceptable nunha administración pública: "Non se pode pedir aos veciños de Leiro que paguen 28.000 euros anuais en soldos para cargos que apenas teñen presenza efectiva no municipio e cuxas funcións son un misterio para a veciñanza". As alegacións tamén recollen unha posible irregularidade contable, xa que o orzamento pretende cubrir o alta na Seguridade Social con carácter retroactivo dende xuño de 2023 para a área de Cultura e Obras.

O PSOE advirte que pagar por un traballo pasado sen que exista un soporte documental que acredite as horas e tarefas realizadas podería constituír un pagamento indebido. "Esiximos que o diñeiro se destine a servizos para a xente e non a manter unha estrutura política que se nega a render contas. Se o Alcalde non presenta as memorias, pediremos a intervención do Consello de Contas", conclúen os socialistas.