Os números do lume
Fai uns días, o diario La Región publicaba un estudo que recollía o custo que para as arcas públicas representa a extinción dos incendios forestáis. Entre outros, destacaba o prezo dunha hora de servicio dun medio aéreo, que está arredor de 4.500 euros. Gasto que por suposto se produce cando o incendio xa está en proceso. A primeira conta que fixo a miña cabeza foi calcular a cantidade de meses que un servidor precisaría traballar, para percibir tan respetable suma.
Seguindo coas miñas cábalas numéricas reparéi en que os catro mil quinientos euros poderían cubrir o custo laboral de, se cadra, tres operarios. Penséi neses traballadores e nas súas familias, e inmediatamente imaxineinos con cada un súa desbrozadora. Poderían ser desas máquinas modernas, potentes e lixeiras. Pregunteime despóis, cantas hectáreas serían quen de limpar entre os tres nun mes de traballo. Os predios limpos non arden.
O recurso natural máis abondoso na nosa provincia é o monte, ó que ano tras ano lle poñemos lume en troques de xestionalo, xerando emprego, ou como se di agora "poñelo en valor".
Poño nun prado da balanza os sesenta minutos do medio aéreo cando o monte xa está ardendo, e no outro o salario mensual de tres personas, quizás con familia, que abandonan as listas do paro, e que co seu traballo imposibilitan que o lume se propague, e desconcértame ver como os catro mil quinientos se van para pagar o helicóptero.
Descoñezo cantas horas chegan a facturar os propietarios das aeronaves nunha campaña, e como prefiro xuntar palabras que facer contas, non quero multiplicar.
Pero ¿Qué facemos coa materia que resulta do desbroce e a limpeza? Se permanece no terreo convírtese en potencial combustible para o lume do seguinte vran.. Ó fin e ó cabo, a biomasa non deixa de ser enerxía acumulada. Sen ter coñecementos de enxeñería, antóllaseme que pode haber algunha forma de aproveitala e transformala en riqueza. A nosa riqueza. Cando se produce un incendio forestal, inxentes cantidades de calor disípanse, esfumándose no aire.
De tódolos xeitos xa empezamos a asumir que ano tras ano vaise queimar o noso monte. Pode que teñan razón algúns dos meus veciños cando din que "ten que arder"