Os Socialistas denunciamos a desfachatez do Alcalde do Carballiño
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE quere denunciar publicamente a desfachatez do Alcalde do Carballiño polas declaracións efectuadas nun diario sobre o derribo dos áticos no edificio do antigo Hotel Rogelia. O actual alcalde do Carballiño semella ignorar quen é o culpable de que agora os veciños deste pobo teñan que pagar a irresponsabilidade dun alcalde (casualmente pai do actual) que fixo caso omiso das advertencias de denuncia por parte dos veciños colindantes e afectados polas obras deste edificio.
En primeiro lugar o Sr. Marontes afirma que 'o Alto Tribunal desestimou a solicitude de inexecutabilidade ao avaliar que non estaba debidamente xustificada'. Na mesma nota afírmase que “o anterior rexedor, o socialista Carlos Montes, promovera dita petición baseándose en que o gasto das obras de demolición e a indemnización aos propietarios das vivendas suporía un total de 600.000 euros”.
Neste sentido hai que afirmar que eses 600.000 euros corresponden só á demolición. As indemnizacións, por outra banda, son difíciles de calcular pero sobrepasan con creces esa cifra, xa que habería que indemnizar aos propietarios dos áticos por un lado e aos inquilinos de pisos e baixos no caso que houbera que desaloxar o edificio mentres duren as obras de demolición. Seguro que só isto sobrepasa o millón de euros.
En segundo lugar, o Tribunal Superior non desestimou a solicitude de inexecutabilidade por estar mal xustificada, senón argumentando que a obra é ilegal e que polo tanto hai que derribar. Nese sentido, insta ao Concello a redactar un proxecto entendendo que a parte superior, os áticos, non presentan dificultade técnica para o seu derribo. Na outra parte que o Concello argumenta inexecutable, o Tribunal si admite o expediente do Concello polo que se evita demoler tamén a última planta do edificio. Ese expediente si aforrou ben cartos ao Concello a pesares do que manifeste o Sr. Marnotes que estaba mal argumentado. Sinxelamente, o Alcalde non sabe como eximir de responsabilidades ao seu pai, verdadeiro responsable desta situación e de tantas outras barbaries urbanísticas realizadas no Carballiño.
Por outra parte, respecto da vía de diálogo aberta polo goberno municipal anterior cos tres veciños do inmoble colindante ao Hotel Rogelia que denunciaron a ilegalidade dos áticos; o Sr. Marnotes afirma 'xa chegou tarde, porque deberíase ter falado e negociado con eles antes de que a sentencia do Tribunal Superior fose firme, e non despois'.
Neste sentido comentar que o diálogo debeu ser no momento da obra na que os demandantes advertiran a Marnotes pai das irregularidades e da denuncia. Pero o señor Marnotes fixo caso omiso das advertencias a saber con que motivacións. Incluso chegaron a ser insultados e ameazados con construirse outra planta máis no caso de seguir adiante coa denuncia.
Tamén se afirma que o avogado dos denunciantes solicitaran a cantidade de 300.000 euros para que o proceso fora revisado polo TSXG e así evitar o derribo.
Neste sentido decir que esta cantidade fora negociada polo anterior alcalde tratando de buscar un entendemento entre as partes que pudera aforrar unha cantidade importante no caso de conseguirse impedir a demolición do devandito inmoble. A negociación foi en todo intre informada aos grupos municipais así como todos os informes e expedientes tramitados ao respecto, tanto polo Concello como polo TSXG. Neste caso compre decir que o Sr. Marnotes xamais tivo a ben informar aos grupos políticos sobre os pasos dados e as reunións mantidas coa parte demandante e o propio Tribunal, dentro da súa habitual política oscurantista.
Cómpre lembrarlle ao actual Alcalde que ten diante unha situación complexa na que ata o de agora non fixo absolutamente nada por evitala, e con estas declaracións faille pouco favor ao seu pai que vendo sendo o responsable directo desta demolición que deberán sufragar todos os veciños do Carballiño. Non vale tirar balóns fora e tratar de botar as culpas a quenes trataron de solventar este problema que agora parece non ter remedio, unha vez máis pola ineficacia dun Alcalde que tenta enganar aos veciños con falsos argumentos.
E aproveitamos a ocasión para instar do Sr. Marnotes unha reunión urxente para informar aos grupos políticos con representación neste Concello da actual situación na que se atopa este expediente.