Outra mostra máis do apoio ao deporte por parte do Concello de Piñor
Nos últimos tempos xa se fixeron nesta mesma páxina e en varios xornais denuncias sobre a falta de apoio e a discriminación que sufre o deporte no Concello de Piñor. Como veciño de Piñor, deportista e membro de varias asociacións deportivas quero dar a coñecer a última do noso "Alcalde". Como xa é sabido por todos este ano fixemos un equipo de fútbol, a Sociedade Deportiva Piñor. E estamos a xogar en Cea posto que non temos campo. Pola falta de axudas e apoio por parte do concello vímonos obrigados a solicitar axuda a outras administracións para poder adecuar o campo de fútbol de Valcovo, no Reino, para que cumpra os requisitos solicitados pola Federación para poder disputar alí os nosos encontros como locais. Conseguimos un compromiso firme da Deputación Provincial, xa no mes de Agosto do ano pasado, para que mandaran a maquinaria precisa para realizar as obras. O único requisito que nos puxo foi o permiso do Concello. Xa está a piques de rematar esta tempada e o Concello segue sen dar o permiso necesario para realizar as obras, polo que pensamos que imos botar un ano máis sen campo propio, GRACIAS AO BO FACER DO NOSO "ALCALDE ". E poño alcalde entre comiñas, porque eu son dos que pensa que Piñor é un Concello sen alcalde. Serafín Bueno.