As prácticas caciquís e antidemocráticas do alcalde de Leiro
O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia as prácticas “caciquís” e antidemocráticas” do rexedor do municipio, o popular Francisco José Fernández, ao que acusan de retirar da orde do día unha moción na que os socialistas instaban ao concello ao arranxo da rúa Real. Defenden que a mesma foi presentada en “tempo e forma”, pero o rexedor decidiu non incluíla na orde do día do pleno e optou por escusas “baratas” para amosar unha vez máis que Leiro e a súa veciñanza “non lle importan absolutamente nada”.
Os socialistas defendían en dita moción que se procedese o arranxo e humanización da rúa Real, en pleno casco urbano de Leiro, xa que segundo se pode comprobar, a rúa presenta numerosas deficiencias e anomalías coma perigosos desniveis e fochancas. Estes problemas provocaron un deterioro no pavimento ante a falta de conservación e mantemento e cos perigos que isto supón tanto para os peóns como para os vehículos que por aló circulan. Os socialistas avogaban por unha actuación máis que necesaria que “rematase cos perigos de mobilidade e mellorase a calidade de vida da veciñanza que vive nesta rúa”, pero tal e como relatan “atopámonos coa negativa do alcalde, que priva aos veciños e veciñas de Leiro de melloras máis que necesarias”.
Dende o Grupo Municipal Socialista relatan que o alcalde alegou no pleno que dita moción non se incluíu na orde do día porque segundo palabras textuais do propio rexedor “non imos permitir que vostedes nos digan e nos marquen que infraestruturas temos ou non que renovar”. Unha resposta que para os socialistas “está totalmente fóra de lugar” e que amosa que o rexedor “non ten, nin quere ter en conta a labor da oposición, impedindo que loitemos por melloras necesarias para o noso municipio”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, esta situación “non é nova”, xa que segundo relata “non é a primeira, nin a segunda vez que o alcalde decide non aceptar mocións dos socialistas, a pesar de estar rexistradas en tempo e forma”. Unha práctica que para o concelleiro socialista “afástase totalmente do papel democrático que ten que ter o pleno dun concello” e acusa ao rexedor do Partido Popular de “coartar a liberdade de expresión da oposición á hora de presentar mocións, co único fin de tapar a súa nefasta xestión ao fronte do Concello de Leiro”.
Rodríguez Vázquez tamén denuncia a “inacción total” do grupo de goberno municipal do Partido Popular, aos que acusa de “mirar para outro lado, namentres as fochancas e o lixo inundan as nosas rúas”. O voceiro socialista considera “inaudito” que un rexedor público “se negue en rotundo a buscar solucións para mellorar a situación dunha rúa que presenta graves deficiencias, que supoñen un risco tanto para os viandantes como para os vehículos que por ela circulan”.
Os socialistas pídenlle ao alcalde de Leiro que “deixe de correr cortinas de fume e se poña dunha vez por todas a traballar para mellorar a calidade de vida e os problemas que día a día teñen que padecer os veciños e veciñas de Leiro debido a súa pésima xestión”.