"Semos" televisivos

30, Marzo 2016

  

Estámonos acostumbrando en Maside a aparecer na televisión. Hoxe puidemos ver nos informativos a varios veciños de Garabás bastante indignados pola colocación, según eles "sin informar a ninguén", dunha antena de telecomunicacións no seu pobo. Pedían a axuda do alcalde, para que lles vote unha man.  Lembro, que non fai moito, tamén foi  o  noso pobo  protagonista televisivo das noticias. Naquela ocasión, outros veciños  denunciaban que se lles quería colar unha incineradora de neumáticos no medio e medio dun monte, esta vez tamén "pola calada", intentando por parte do Concello, facela pasar por planta de reciclaxe.
Se a tendencia continúa, pode que os masidaos acabemos convertíndonos en asíduos protagonistas da tele.  Non podo máis que imaxinar ó incombustible Gaioso de Luar, co seu micrófono adherido ó papo, temendo que os de Maside lle acaben mermando a súa cuota de pantalla.
Lástima que as referencias televisivas ó pobo estean sempre vinculadas a  veciños cabreados, moi cabreados.
Se cadra, só se cadra,  sería bo que os responsables do goberno municipal, probaran a facer tamén os seus "pinitos" nesto de saír na tele e aproveitaran para dar  públicamente as explicacións que os veciños lles veñen solicitando dende fai moito tempo. Veciños ós que  representan e cuios intereses defenden, ou eso din.
Entendo tamén que como informóu hoxe a Televisión de Galicia, "non foi posible coñecer a opinión do alcalde".  Quero pensar que o rexidor está realmente ocupado preparando a convocatoria do pleno que tivo que ser promovido por case que oitocentos veciños, para rechazar o despropósito da instalación de incineración de neumáticos.
Se cadra, podería delegar o alcalde nalgún dos seus concelláis para informar sobre o conflicto.  Ocúrreseme por exemplo, algún concellal  cuia dedicación parcial nos costa ós masidaos uns mil euros brutos de bellón ó mes. 
En calquera caso, ninguén da explicacións. É máis, por non dar, non dan nin a cara.
Seguindo coa cuestión televisiva, ven ó meu maxin a coñecida parodia do gran José Mota  e a súa maxistral imitación de Robert de Niro :  "Abogaaado... Sal ratita. Quiero verte la colita". 
Pois eso...  que alguén teña a decencia de sair e por respeto ós seus veciños, dé as explicacións que se lles pide. (anque  non fai falla que enseñe...  "la colita").