Sen luz pública en Veiga
Dende o Grupo Municipal Socialista no Concello do Carballiño queremos facernos eco das denuncias efectuadas por varios veciños e veciñas da parroquia de Veiga; queixas relativas ao feito de que non se lles fornece luz dende fai varios días. O caso máis grave desta falta de luz prodúcese sobre todo no núcleo máis poboado, o propio pobo de Veiga asi coma os lugares do Llal e o Viñal , sendo varias as noites nas que estiveron as rúas en total e absoluta escuridade. Tendo en conta que se trata dunhas zonas polas que acceden un bo número de vehículos ás súas vivendas, o feito pode ocasionar perigo para viandantes, conductores e tamén animais xa que se trata dunha zona rural.
Pregamos que esta denuncia faga que o departamento de servizos públicos do Concello se poña mans á obra de inmediato, solucionando este problema coa urxencia que o require e non se deixe pasar nin un día máis aos nosos veciños e veciñas de Veiga sen un dos servizos máis básicos para unha correcta habitabilidade. Reiteramos que se debe atender as demandas destes núcleos de poboación aos que este goberno municipal, entendemos, non presta a atención necesaria e que agrava con esta actitude, a xa de por si despoboación progresiva do noso rural. Recordamos que os habitantes das parroquias do rural teñen os mesmos dereitos de acceso aos servizos públicos que os que viven no núcleo urbano e ,mesmo, debemos procurar que, entre todos/as, sexa unha prioridade garantir o futuro e supervivencia dos nosos pobos e aldeas.