Servizos mínimos na concesión da explotación do hotel-monumento de San Clodio
Diante das últimas informacións saídas nos medios nas últimas horas, desde o BNG de Leiro queremos manifestar:
1. Se a empresa concesionaria do Mosteiro de San Clodio non está garantindo os servizos mínimos acordados no prego de condicións, tanto Xunta de Galiza como Concello de Leiro teñen que iniciar os trámites precisos para a retirada da concesión.
2. Desde o BNG de Leiro entendemos que a principal culpábel desta situación é Hotusa, porén tanto Xunta de Galiza como Concello de Leiro son cómplices da situación actual por non ter unha fiscalización e unha auditorización da concesión asinada.
3. Parécennos irresponsabeis e lamentabeis as declaracións do alcalde do concello de Leiro, afirmando que sabe do problema, que é coñecedor de que a empresa non está cumprindo co acordado. Diante desta situación ,a posición do rexedor debe ser activa. É obriga del contactar à
Xunta de Galiza para obrigar a Hotusa a cumprir o acordado.
4. Este é un exemplo máis do desleixo e abandono que a nosa comarca ven sufrindo tanto por parte da Xunta de Galiza como por parte dos diferentes gobernos do Partido Popular, que demostran non ter unha proposta clara e estratéxica de crecemento e desenvolvemento para as nosas vilas e aldeas.