Sobre o uso do local social da parroquia de As Neves de Grixoa
O Grupo Municipal Socialista no Concello de San Amaro, faise eco dunha denuncia veciñal da Asociación de Veciños das Neves de Grixoa, respecto do desfrute do local multiusos da parroquia. Os veciños/as das Neves, a través da súa Asociación, canalizaron unhas queixas dirixidas ao Concello de San Amaro, polo trato recibido respecto ao uso do mencionado local que está a ser remodelado para destinalo a Velorio da parroquia. Tal como relatan no escrito, dende hai máis dun ano, os veciños e veciñas das Neves de Grixoa, recibiron autorización expresa do Alcalde do Concello, Ernesto Pérez, para facer uso do local para as súas actividades, con chave incluída para poder acceder. Cando estaban desenvolvendo a súa actividade de ximnasia, o pasado martes de 10 de maio, como cada martes e xoves, outro grupo de veciños/as da citada parroquia, persoouse no local e comunicaron que con motivo da habilitación do local para usalo como Velorio, tiñan que retirar os seus obxectos de ximnasia e outros útiles de alí, para que os obreiros puideran traballar. O Presidente da Asociación, non amosou, en ningún momento, a súa oposición á petición realizada, se ben, comunícoulles que non podería facelo ata o xoves 12, por motivos laborais. Cal non é a súa sorpresa, cando chega ao local e atopa a fechadura cambiada, imposibilitando o seu acceso e todos os enseres da Asociación, ciscados na entrada. Ata os propios obreiros que andaban a facer a adaptación do local, dixeron que non molestaban en absoluto.
Os membros desta asociación non entende como, despois de amosar a súa disposición a retirar os enseres, se lles trata deste xeito, sen notificarlles nin a retirada nin o cambio de fechadura, cando sempre tiveron autorización para usar o local, sempre sen problemas. Postos en contacto co Alcalde de San Amaro, para pedirlle as explicacións oportunas e que se persoase no local para ver o que estaba a acontecer, en troques, só recibiron por resposta que el non sabía nada do cambio de fechadura e que estaba canso do tema e non quería saber nada. Interpelado por se consideraba os feitos coma algo normal, a súa única contestación foi que el non era quen para valorar a normalidade ou anormalidade dos feitos relatados polos veciños/as. Ante tal deixadez de funcións, os veciños/as da asociación, procederon a rexistrar o escrito do que se da conta neste comunicado do Partido Socialista, porque atopan inxusto o trato recibido. Os membros da Asociación de Veciños das Neves de Grixoa, xamais amosaron oposición algunha á habilitación do local para velorio, se ben nunca foron consultados pola Asociación de nova creación, impulsada polo señor Alcalde, para asinar ou contribuir coa cota veciñal para acometer tal obra. En todo momento, a nova Asociación deixou fóra aos veciños/as que facían uso do local ata o de agora. A inoperancia, irresponsabilidade e deixadez de funcións do Alcalde, chegou ata o punto de non facerse cargo da situación e non tentar, alomenos, a mediación entre uns veciños e outros.
Así pois as cousas, os veciños e veciñas da Asociación de Veciños das Neves de Grixoa, ven no trato recibido por parte do Concello, unha clara discriminación en favor doutra Asociación. Non saben se están en pé de igualdade á hora de usar o novo Velorio que se está a facer nin se están considerados veciños da parroquia con todos os dereitos, vistos os acontecementos. Así mesmo, pediron, no seu momento, explicacións ao Alcalde sobre a pertinente licenza de obras para acometer reformas no local, sendo respostados que non se lles ía dar permiso por escrito algún, que podían comezar as obras cando quixeran, desentendéndose, novamente, das súas responsabilidades. Polo que, vistos estos antecedentes, os veciños/as da AAVV Neves de Grixoa, esixe saber se a nova Asociación conta cos permisos municipais oportunos para acometer as obras que xa comezaron e esixen do Concello, as medidas oportunas para sancionar os actos levados a cabo (cambio de fechadura e retirada de enseres sen permiso nin supervisión).
Os veciños e veciñas da AAVV Neves de Grixoa, considera que ten que ser dende a xestión municipal, dende onde se actúe e se medie para establecer o uso compartido dun local multiusos que pertence a todos os veciños e veciñas da parroquia e non só a uns cantos. Reiteran que o local da para moitas actividades, máis aló do Velorio e que se pode garantir un uso compartido, regrado e civilizado. Así mesmo, solicitan do Concello que lles acheguen as copias da licenza de obra e planos da habilitación do local en velorio así coma a pertinente sanción a quen fixo un uso privativo das instalacións.