"TODO POLO CARBALLIÑO", ata o aburrimento.
"Todo para mellorar O Carballiño", un sobado e baleiro concepto no discurso do grupo municipal do PP para tentar ocultar a súa mediocridade e incompetencia política.
Este PP, que na campaña electoral se proclamaba como a única alternativa seria para facer fronte ao que cualificaban de desgoberno do PSOE, cunha candidatura de persoas sensatas e capaces, dician, comezou a súa xestión como oposición de forma incongruente e inexplicable ao premiar ao alcalde e aos concelleiros responsables de tal desgoberno coa subida das súas asignacións salariais.
O mesmo PP que seguiu co bodebil protagonizado polo seu cabeza de Lista, Lino González, condicionando a súa acción municipal aos seus intereses persoais, terminando por abandonar o seu cargo ao pouco tempo ao non ver cumpridas as perspectivas económicas que, segundo el, lle foran prometidas polos dirixentes do PP de Ourense .
Para colmo, nun alarde de candidez política, o portavoz municipal do PP do Carballiño, José Castro, ante a decisión da posibilidade de moción de censura ao equipo de goberno do PSOE, confesaba aos medios de comunicación que se debían á submisión e á prioridade dos intereses do partido a nivel provincial e autonómico por enriba dos que realmente se deben, que son os dos veciños do Carballiño, entregándose ás estratexias e manobras do dirixente provincial do PP, Luís Menor, na súa política de control da Deputación.
Así se encargaba de confirmalo o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o PP provincial, que raudamente se apresuraron a defender publicamente o insólito pacto entre o PP carballiñés e o PSOE, ao mesmo tempo que o comité provincial e nacional dos socialistas de Galicia o desautorizaban e anunciaban a apertura de expediente sancionador ao Alcalde e aos concelleiros que firmasen o pacto.
No pleno municipal, ademais do populacheiro recurso de "todo para mellorar O Carballiño", o portavoz do PP non dixo apenas nada dos verdadeiros motivos que xustifiquen esta extraordinaria decisión que contradí gravemente as promesas electorais e a súa moción de reprobación ao equipo de goberno que presentara meses antes, recorrendo ao acostumado e demagóxico xuramento de deixar a Corporación no caso de que o tempo non lles dea a razón. Pois, xa están tardando.