“ÁS TRINCHEIRAS, QUE VÉN A TORMENTA”

13, Agosto 2020

O día 11 de agosto do presente ano, hai dous días, unha nova tormenta asolagou a vila do Carballiño, unha tormenta “nunca vista,” algo parecida a acontecida o día 19 de abril de 2020.

Coma nas anteriores, os mesmos puntos quentes da vila quedaron asolagados: Rúa Evaristo Vaamonde, Avenida de Compostela, Polígono… Coma nas anteriores, os veciños destes barrios volvemos a pasar un mal rato de impotencia vendo coma os nosos baixos e garaxes se inundaban con auga sucia, mestura de augas fecais e pluviais (foto 1).

Dada a reiteración destes feitos, e ante a falta de resposta aos escritos presentados por esta familia no rexistro do Concello de o Carballiño, sen que se lles de resposta nin escrita nin actuación algunha para solucionar o problema, optamos por atrincherar a nosa casa a base de sacos de area (foto 2), para frear a entrada desta mestura “vírica” dende a rúa.

Lamentablemente, as trincheiras, que reduciron os danos, non foron quen de impedir completamente a entrada desta auga “sucia” que acadou unha altura de cinco centímetros (foto 3), como poderán vostedes ver na marca do ladrillo que aparece na foto. Porque si, queridos veciños, esta familia leva varios anos co mobiliario do garaxe e a maquinaría necesaria na casa enriba de ladrillos para evitar que se danen coa auga que entra cada vez que na nosa terra galega chove un pouco forte (chuvia en Galicia, que cousas!!! Será o cambio climático!!!).

Con todo, os danos materiais son importantes, pero non son nada se os comparamos cos danos psicolóxicos e as posibles repercusións para a saúde física da veciñanza que estes episodios poden ocasionar (fotos 4 e 5).

Nós queremos deixar constancia do que ocorre a través do vídeo que incluímos (espero COPE Carballiño teña a ben incluílo), para que todo o mundo poida ver para que serven os sacos apostados diante da casa. Somos plenamente conscientes de que non son nada glamurosos e que afean a casa e a contorna, pero non se poden vostedes imaxinar a impotencia, rabia e medo que sentimos cada vez que chove cun pouco de intensidade.

Estimada Corporación Municipal, isto non acontecía antes das obras de acondicionamento dos arredores do Templo da Veracruz. Por riba, non so non arreglan os puntos quentes do pobo, senón que arranxan rúas coma Eusebio Lorenzo Baleirón, que vai dar a Evaristo Vaamonde, e non lle poñen nin unha soa acometida para recollida de auga da chuvia, polo que esta corre coma un río pola rúa abaixo e acumúlase en Evaristo Vaamonde.

Sinceramente, esperamos que estean vostedes dispostos a asumir as consecuencias legais que poidan derivar desta deixadez de funcións e que pode repercutir de xeito moi grave na saúde dos seus concidadáns. Non se trata de algo illado que afecta á miña casa e familia, ISTO É UNHA CUESTIÓN DE SAÚDE PÚBLICA que agrava a crise da COVID-19.

(https://www.europapress.es/galicia/noticia-edar-reza-ourense-rio-tea-ponteareas-puntos-control-posibles-rebrotes-coronavirus-20200715172925.html)

Atentamente,

Milagros Chao Castro