Xa mexou o gato?
Un día máis, e como ven sendo costume no Carballiño, volveu a mexar o gato, mexou en forma de tromba pre-primaveral de 20 minutos. E qué pasou? Rúas anegadas, baixos anegados e total desprotección.
O meu pai ten 74 anos, persoa de especial desprotección ante o COVID-19, reside na Avenida Compostela 59, a nosa casa de toda a vida, xa fora dos meus avós, e agora é do meu pai, e eu pídolle o ceo para que algún día sexa dos meus fillos. Nunca tiveramos ningún problema, pero coma sempre, dende que D. Carlos Montes fora alcalde do Carballiño, e autorizara unha obra, a da mellora do saneamento da rúa Compostela do Carballiño (iso de mellora habería que velo), o noso baixo e a nosa cociña anegouse. O certo é que a obra foi executada pola Xunta de Galicia, na que un técnico titulado, elevou as rasantes dos sumidoiros e puxo unha sección de tubo ridícula, para unha rúa en plena expansión e unha edificabilidade de cinco alturas máis baixo cuberta.
Se buscaramos aos responsables; da Xunta de Galicia, ninguén soubo, devolveron a garantía a Construcións Alea a total satisfacción, a pesares das queixas constantes dos veciños; D. Carlos Montes, coma sempre, de perfil, -así lle foi-; D. Argimiro Marnotes, “eu non sei nada, é culpa do anterior goberno”; D. Francisco Fumega, dará boas palabras e unha palmada no lombo. En resumen, unha xestión dos servizo primarios pésima, á altura do que xa todos coñecemos.
Pero o que eu me pregunto é: se estamos en estado de alarma, e por eses sumidoiros discorren augas pluviais e fecais, e entran nas casas. Eu me pregunto, que non o sei, se o COVID-19 se transmite pola merda, con perdón, será que se poderá denunciar ao Concello do Carballiño por un delito contra a saúde pública? E se meu pai se infectara mentres limpa o seu garaxe do COVID-19, ou de calquera outra enfermidade, que facemos? Recibirei unha palmadiña no lombo, tipo compadre?
O difícil, coma sempre, vai ser buscar aos responsables, que seguramente cobren dedicacións exclusivas e parciais, asistencias a xuntas e comisións, pero de resolver os problemas dos veciños, NADA de NADA.
Para concluír, citarei que este mesmo problema se reproduce, ata onde chega o meu coñecemento, nas rúas Evaristo Vaamonde, na rúa Ourense, na rúa 25 de Xullo (á altura do Fuchela), na rúa Martínez Avellanosa (á altura do Mercadona), e seguro que nalgunha zona máis do Carballiño, que non chega ao meu coñecemento.
En definitiva, volverá a mexar o gato, e persistirá o mesmo problema.
Jesús González González