Do PSdG relativa ao Servizo de Axuda no Fogar no concello do Carballiño
O certo é que fai falla poñerlle moita vontade para atopar algún área do Concello do Carballiño na que destacar algo positivo nestes dous anos de desgoberno que estamos a padecer todos baixo o mandato do Partido Popular. A este desgoberno , engádese a incapacidade manifesta do goberno do Estado e da Xunta para pensar no ben común e no progreso social e económico de toda a cidadanía, precisamente no peor momento cando estamos a sufrir máis precaridade en todos os eidos.
Aínda resultando difícil destacar cal é a parcela que peor está nestes momentos , cecais pola súa importancia social e a lamentable deriva que leva, a triste “honra” recae na Concelleria de Benestar Social , na que a súa titular Purificación Alberte está a deixar, cada dia que pasa, mais evidencias de que está claramente desbordada e superada e que é incapaz de levar esta función cun mínimo de eficiencia.
A andaina desta concelleira iniciase cando se converte nunha das protagonistas do escándalo das adicacións, no momento en que Argimrio Marnotes, a pesares de haber prometido o contrario, lles puxo un soldo a dous dos seus compañeiros do goberno do PP, sendo a señora Alberte unha das agraciadas.
As seguintes medidas foron levar a cabo un dúbidoso concurso para poñer en mans dunha empresa privada o servizo de atención domiciliaria do Concello, decisión que se leva demostrado que foi ruinosa para as arcas municipais. A citada empresa xa manifestou a súa intención de non seguir levando a cabo o servizo por non lle resultar rentable e é que no eido dos servizos sociais o obxectivo non debe ser ese, o do beneficio, senon o de ofrecer un servizo público de calidade aos cidadáns. De momento e á espera de sacar o novo pliego de condicións para privatizar o servizo, esta empresa estase facendo cargo dun servizo imprescindible para os tempos que corren. Vivimos nun contexto socio-económico cunhas características demográficas típicas das sociedades avanzadas , poboación moi avellentada cunha esperanza de vida cada vez maior e poucos nacementos; polo que , debemos ser capaces dende o eido público de garantir o benestar dos nosos maiores asi coma das súas familias, onde recaen maioritariamente os seus coidados. Por estas razóns se puxo en marcha o desenvolvemento da Lei da Dependencia, que agora o PP se está encargando de desmantelar.
O venres (02.08.2013), foinos presentada en pleno municipal a ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar (S.A.F.) , un intrumento normativo polo que a Xunta obriga aos Concellos a facerse cargo do servizo de coidados a domicilio asi coma o desenvolvemento e xestión dos dependentes. Dicimos facerse cargo porque a Xunta dende que está gobernada polo Partido Popular, desentendeuse cada vez máis da xestión e correcto funcionamento do cuarto pilar do Estado de Benestar. Pasamos dun modelo no que a financiación Estado-Xunta era compartida e as dotacións suficientes (aínda que sempre mellorables) a un modelo no que a Xunta só se fai cargo da xestión dos usuarios que acadaron a declaración de dependentes e mentres os/as que non , os usuarios dos denominados servizos básicos ou de libre concurrencia, son delegados no tocante á súa financiación ás Deputacións e Concellos. Esta medida de introducir unha administración intermedia no proceso de xestión, só entorpece o proceso de xestión asi como aminora considerablemente a dotación dirixida a estes imprescindibles servizos. Así pois, aos Concellos só lle queda empregar a vía doada da privatización para aminorar a carga económica que terían que asumir para facer fronte a un servizo indispensable. Vía doada porque dende logo, en termos de eficiencia económica pode resultar rentable aínda que ao final nin xiquera foi asi! como puidemos comprobar no caso do noso Concello, pero que xamais vai acadar a eficiencia dun servizo público e municipal porque o privado só se preocupa do seu beneficio , non do interese xeral.
A Xunta fai apandar aos Concellos coma o noso do Carballiño, cun servizo no que os dependentes engrosan listas de espera para seren atendidos (no caso do Carballiño 10 persoas están a espera do servizo tendo a dependencia declarada) sen ampliar as horas de atención e ser axilizar os trámites para teren declarada a súa situación de dependencia. Mentras non se producen altas na dependencia, os usuarios teñen que recurrir aos servizos básicos ou de libre concurrencia onde tamén aumentan as listas de agarda ( no Carballiño 38) e onde a financiación provinte da Deputación é claramente insuficiente. Por esta razón, dende a Xunta non amosan o máis mínimo reparo en establecer un sistema de copago claramente inxusto; asi pois se un usuario coa dependencia declarada por pouco que sexa o que pase do I.P.R.E.M. (532,51 Euros) ten que cofinanciar o 4,52% do servizo se ten declarado un Grao I, Nivel I (máximo nivel de dependencia) ou ata o 18,09% se ten declarado o mínimo nivel (en función da intesidade do servizo asignado por horas). No caso dos usuarios de libre concurrencia, o copagamento establecido vai dende o 0% ao 75% en función do I.P.R.E.M. (Indicador Público de Rendas a Efectos Múltiples). Todo esto reflectido na ordenanza reguladora , na que non aparece o custo por hora do servizo, que podería servir de referencia ao usuario que queira solicitar o devandito servizo. Todo ben ,que aparece na ordenanza fiscal pero como asi recoñeceu o propio alcalde non custa tanto incluír na ordenanza a publicar o custo ao que se refiren todos os baremos establecidos. A este copagamente, temos que recordar, haiq ue sumar o farmacéutico , por exemplo, entre outras moitas cousas que afectan ao nivel de vida.
Por todo o anteriormente explicado, dende o Grupo Municipal Socialista, non entendemos a actitude pasiva do grupo de goberno e sobre todo , da área de Benestar que amosan un comportamento servil ante a Xunta, acatando sen protestas nen reservas o que dende alí se establece. Recordamos que noutros Concellos do noso entorno si se loitou porque se aumentaran horas e dotacións , non se recurriu ao recurso doado da privatización e alzouse a voz en contra desta entrega ser reservas dos servizos sociais a outras administracións deficitarias que só ven a oportunidade de recolocar aos seus despedidos e sacar beneficios das privatizacións masivas. Non podemos esquecer tampouco que é na area de Benestar onde se produciron as maiores falcatruadas en materia de contratación de traballadores, recibindo catro sentencias en contra por outros tantos despidos e con varias contratacións feitas vía Deputación que están a ser investigadas pola Xustiza, algo do que, sen dúbida, o principal responsable é o alcalde pero contando coa necesaria connivencia da titular desa concellería.
Non comprendemos porque os veciños/as temos que sufragar o salario dunha edil cando o traballo realizado se pode resumir en acatar as ordes doutras administracións afíns e privatizar todos os servizos municipais.