A "I Fin de Semana Saudable" pechará cunha maratón e unha andaina para promover un estilo de vida saudable
Os vindeiros días 18 e 19 de xullo vaise levar a cabo o "I Fin de Semana Saudable" que será a actividade colofón do proxecto "Concellos Saudable 11". Neste proxecto, que ten como obxectivos promover estilos de vida saudable e mellorar o benestar das persoas, están incluidos os concellos de Amoeiro, Coles, Carballeda de Avia, Vilamarín, Maside, Punxín, Piñor, A Peroxa, Ribadavia, Cortegada e Boborás. O "I Maratón de Fútbol Sala Saudable" terá lugar o sábado 18 de xullo no Pavillón Municipal a partir das 10 da mañá e nel poderán participar un total de 10 equipos; o prezo da inscripción será de 60 euros e os equipos gañadores contarán con premios de 400, 300 e 200 euros que poderán canxear por artigos de deporte en tendas da comarca. Tamén consta da "I Andaina Saudable" que pechará o proxecto o vindeiro día 19 a partir das 10 da mañá no Pavillón Municipal; esta andaina contará con dous percorridos de 8 e 15 quilómetros e a chegada será ó redor das cinco e media da tarde ó lugar de saída. Tódolos participantes poderán desfrutar dunha actuación de títeres que será realizada polo grupo Seisdedos. Para inscribirse a calquera das dúas actividades será preciso chamar ao teléfono 988402008 ou acudir ás oficinas municipais entre as nove e as dúas antes do 17 de xullo.