Festas, obradoiros, excursións e moitas máis actividades marcarán a época estival do Concello de Cea
(Redacción. Belén González) Un ano máis a Axenda Cultural do Concello de San Cristovo de Cea ofrece moitas actividades do máis diversas posibles; estas van dende excursións tanto para maiores como para cativos ata talleres, campamentos, concertos... A continuación podes ver as actividades que Cea ten preparadas para o período estival. Durante todo o mes de xullo e agosto haberá un curso de natación gratuíto de luns a venres. Os destinatarios son tódalas persoas interesadas que se terán que inscribir na Casa do Concello. E hoxe mesmo, día 6, comeza o II Campamento Urbán que durará ata o 10 de xullo e cun horario que irá dende as 10.30 horas ata as 13.30 horas. Estas actividades terán lugar no Campo da Saleta de Cea, pero en caso de que as condicións climatolóxicas non acompañen, estas serán trasladadas ó Edificio Multiusos Municipal. Os máis xoves realizarán obradoiros, globoflexia, tatuaxes, maxia, deportes, malabares, murais, xogos... e moitas máis actividades que evitarán que os máis pequenos se aburran. Despois do Campamento Urbán comeza o Ludiverán 2009 no cal se realizarán manualidades, xogos cooperativos, rastrexos, obradoiros de educación medioambiental e moitas máis actividades que farán desfrutar a tódolos rapaces que asistan. As datas da realización serán os vindeiros martes días 14, 21 e 28 de xullo e o 4 de agosto e os venres 17, 24 e 31 de xullo e o 7 de agosto. O horario será dende as 11 ata as 13 horas e celebraráse no Edificio Multiusos Municipal. Outra proposta é a excursión ás Illas Cíes o vindeiro domingo 19 de xullo; esta viaxe vai dirixida ós veciños do Concello de tódalas edades. Realizaránse rutas de sendeirismo e tamén se poderá desfrutar das preciosas prais desta paraxe natural. As tarifas para os empadroados son as seguintes: prezo individual con xantar por 30 euros por persoa e o prezo individual sen xantar por 15 euros. Para as familias o prezo con xantar será de 28 euros por persoa e sen xantar terán que pagar 14 euros por persoa. O prezo inclúe a viaxe de ida e volta en autocar, viaxe de ida e volta en barco e xantar, según a tarifa elexida. Aqueles que queiran asistir téñense que apuntar na Casa do Concello con data límite o 13 de xullo. Para o caluroso mes de agosto e acompañando ó bo tempo haberá unha excursión ó Parque Acuático de Cerdeda o día 5 de agosto con saída ás nove da mañá. Esta iniciativa vai dirixida a tódolos rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos cun prezo de 10 euros que inclúe a entrada ó parque a comida e a viaxe. Os interesados poderánse inscribir ó longo de todo o mes de xullo na Casa do Concello. O día 6 de agosto celebraráse o Cine de Verán Caixanova ´09 coa proxección do filme Mamma Mía. O pase da película será ás 23.00 horas da noite e a el poderán acudir tódolos que desexen; o lugar será a Praza Maior de Cea e en caso de mal tempo, a actividade trasladaráse ó pavillón polideportivo. Para rematar a época estival celebraráse a V Festa da Xuventude que terá lugar o 18 de setembro na Praza Maior de Cea. Esta festa vai dirixida a tódolos xóvenes do Concello que poderán adquirir as súas entradas ata o 14 de setembro. Tamén o Concello de Cea interésase pola educación de todos e para iso poñen a disposición de aqueles que o desexen aulas de inglés para rapaces e adultos e aulas de apoio escolar. Para asisitir a estas aulas teránse que inscribir na Casa do Concello. Deste xeito e con actividades tan variopintas poráse punto e final ó verán 2009.