Beariz alberga na súa Casa Consitorial a exposición de pintura de Danielle Segalat ó coincidir coa súa semana festiva
(Redacción. Belén González) Este vindeiro martes, 11 de agosto, inaugúrase na Sala de Exposicións do Concello de Beariz unha exposición cultural da pintora francesa Danielle Segalat. A inauguración da exposición terá lugar a partir das 19.00 horas e nela haberá un aperitivo e viño para tódolos asistentes. Esta actividade coincide coa semana das festas patroais da localidade e está organizada polo Concello de Beariz e a Casa Rural "Casa da Laxa". Esta artista procede de Francia e realiza esta exposición pola súa estadía por terras de Magros e Beariz. Esta viaxe foi decisiva á hora de pintar estas obras, tanto pola súa cor, como paisaxe e patrimonio arquitectónico. Segalat declara que "traballei segundo as fotos tomadas nas vacacións de agosto do 2004 e decembro do 2006. Xa tiven o orgullo de mostrar Galicia a través das miñas exposicións en Francia e alégrome de dispoñer desta oportunidade que me permite poder presentárvolas agora aquí". A exposición permanecerá entre o 10 e o 20 de agosto.