A Asociación "Matar por matar, non" pídelle explicacións ó goberno municipal sobre o posible peche da canceira
(Redacción. Belén González) Esta asociación ecolóxica non entende o rumor que circula sobre o posible peche da canceira municipal e pídelle ó Concello do Carballiño algunha explicación ó respecto. Fai días que este rumor circula pola vila e en caso de que isto se faga realidade, demostraríase que o elevado presuposto que alí se invertiu foi "para xustificar o gasto de elevadas subvencións a favor doutros intereses". Ademáis, este feito confirmaría a falta de interese da corporación municipal polos cans que se achan na canceira. "Matar por matar, non" tamén lle pregunta ó concello por qué aínda non se organizou a fundación que debería levar a canceira dende o pasado mes de xuño, a cal foi aprobada nun pleno. Esta fundación tería que haber solucionado os problemas de atención dos animais e "descargado ó concello dunha responsabilidade que é incapaz de atender". A asociación ecolóxica califica de burla e desprezo das normas democráticas o acordo daquel pleno; ademáis pregúntase qué foi da comisión de investigación que se ía crear para aclarar as contas, a inversión realizada e a morte violenta que sufriron os cans recollidos. Dende "Matar por matar, non" manifestan que se a canceira se chegase a pechar, isto "sería un insulto contra a sensibilidade" daqueles que desexan unha vida digna para os animais abandoados e critican o emprego dos fondos públicos no beneficio de terceiros e non na mellora da vila. Tamén lle reclaman ós grupos políticos restantes que tomen medidas para acabar cos abusos, as arbitrariedades e as deficiencias democráticas qe acontecen no Carballiño. A asociación ecolóxica declara: "Pedimos que se aclare mediante un pleno espcecial ou os mecanismos oportunos, se está sendo proxectado o peche da canceira municipal co conseguinte desperdicio dos voluminosos fondos alí invertidos".