A Corporación de Leiro apoia ó "camiño xacobeo miñoto Ribeiro"
A Corporación de Leiro en sesión de pleno
A iniciativa de reivindicar a existencia desta ruta xacobea partíu inicialmente da asociación cultural "Castela Auriense" que preside Pablo Lorenzo, e deu lugar posteriormente a constitución da "Encomenda do Camiño Xacobeo do Ribeiro", un colectivo ó que se adheriron varios Concellos polos que atravesaría este camiño xacobeo, entre eles Padrenda, Castrelo de Miño, Ribadavia, Boborás, Avión ou Forcarei. A nova asociación leva maís dun ano traballando na documentación para achegar á Xunta de Galicia para lograr o recoñecemento oficial desta ruta xacobea que, procedente do norte de Portugal, atravesaría as actuais comarcas do ribeiro e O Carballiño para dirixirse á Terra de Montes, polo Concello de Forcarei e chegar a Compostela a través da bisbarra de Tabeirós. Na "Encomenda do Camiño Xacobeo do Ribeiro" estaban representados Concellos gobernados polos tres grandes partidos, PP, PSOE e BNG. Ainda así, restaba o apoio doutros Concellos, como os de Arnoia, Beade e Leiro, que non chegaron a formalizar a súa adhesión nesta asociación.No pasado mes de setembro, as diferencias xurdidas no seo da xunta directiva da "Encomenda" deron lugar a creación dunha segunda asociación, constiuida baixo a denominación "Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro". En tempo record, esta nova asociación conseguíu a adhesión do Concello de Leiro, xa que o 23 de outubro presentaba un escrito no rexistro municipal deste Concello, e seis dias despois, este pasado 29 de outubro, a petición foi trasladada ó Pleno da Corporación, que a aprobou. O acordo obriga ó Concello de Leiro a prestar os apoios necesarios para sacar adiante este proxecto, que se considera de suma importancia, non só desde o punto de vista histórico, senón tamén unha oportunidade única para o desenvolvemento socio-económico e turístico dos Concellos polos que decorre este camiño, para o que se agarda o recoñecemento institucional por parte da Xunta de Galicia.