José Manuel Baltar explicou ós populares carballiñeses o seu proxecto político
O aforo da casa da cultura do Carballiño quedouse pequeno para escoitar ó candidato á Presidencia provincial do Partido Popular, arredor de 130 persoas –unha parte delas tivo que seguir a intervención de pé- acudiron a esta primeira chamada de José Manuel Baltar para explicarlles ós populares carballiñeses o seu proxecto político. Entre os presentes, atopábanse os responsables locais e Alcaldes do PP na Comarca do Carballiño, con dúas ausencias siñificativas, as dos Alcaldes de San Amaro e Beariz.
Antes, nunha entrevista con Xan Pinal nos estudios de Cope O Carballiño, tivo ocasión de responder a diversas preguntas relativas a este proceso electoral dentro do Partido Popular na Provincia de Ourense, que culminará o vindeiro dia 30 deste mes de xaneiro coa elección dun novo Presidente Provincial, cargo que José Manuel Baltar desputa ó Alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán. Na súa intervención radiofónica, José Manuel Baltar defendeu un Partido Popular “todo o galeguista que se poida ser, porque nós temos un compromiso con Galicia desde que nacemos, non só coa nosa lingua, senón tamén coas tradicións, e con ese pensamento político galeguista que tanto contribuiron a conformar moitos ourensáns, membros da Xeneración Nós”. Tamén incidiu noutros principios e propostas programáticas, nas que “Ourense, persoas e equipo” son palabras claves do seu ideario político para conseguir que “o PP de Ourense siga sendo un referente tanto a nivel autonómico como nacional”. O actúal Vicepresidente do Parlamento de Galicia e candidato a presidir o partido na provincia tén claro que as Comarcas son parte da identidade e a realidade social do país, e por eso “potenciará as xuntas comarcais do partido e unha estructura comarcal, porque a forza dos Concellos e as Comarcas son eixos fundamentais, e creemos nesta realidade comarcal”. Ademaís, José Manuel Baltar adiantou que O Carballiño será sede “dunha escola de verán polos dereitos cidadáns e as libertades públicas”, que se organizará no vindeiro mes de xullo.