A Concelleira de Igualdade felicita á carballiñesa Mª Teresa Miras Portugal pola súa reelección como Presidenta da Real Academia de Farmacia
A Concellaría de Igualdade e Benestar do Carballiño, por medio da súa voceira Áurea Francisco ven de facer público o seu contento e felicitar trala súa reelección á carballiñesa Mª Teresa Miras Portugal como Presidenta da Real Academia de Farmacia. A Concelleira nacionalista destaca a valía e a traxectoria profesional que premian deste xeito a unha muller que xa marcara un fito ao ser elixida no 2007 como primeira muller á fronte, non só da Real Académica de Farmacia senón como a primeira muller á fronte dunha academia no Estado Español. “Debemos felicitarnos –subliña Áurea Francisco- non só por sermos carballiñeses e carballiñesas senón polo feito de que sexa unha muller e desta valía a elixida para este cargo demostrando máis unha vez que ser muller e con formación, cando se pode acceder a ela, nunca vai ser un atranco para o triunfo persoal e profesional”. Tamén se fai referencia o brillante currículo desta muller de ciencia quen amais do seu nomeamento pode presumir dunha longa traxectoria entre a que debemos destacar a Cátedra de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade Complutense, máis dunha ducia de teses doutorais –cinco delas con Premio Extraordinario- e máis de 180 publicacións en revistas internacionais centradas en neurociencia